As Cantareiras e a poesía oral protagonizan unha nova xornada cultural en Friol este sábado

O Centro Sociocultural de Friol acollerá o sábado 24 de maio a actividade titulada As Cantareiras e as Nosas Letras, unha homenaxe á poesía popular oral galega e á tradición musical da comarca da Ulla.
O programa comezará ás 17:30 horas coa presentación do acto, seguida ás 17:45 horas da intervención de Sofía Riveiro Oliveira, integrante de Raiceiros e educadora social, quen falará sobre As cantareiras e a poesía popular oral galega.
Ás 18:00 horas, Henrique Neira, xornalista e tamén membro de Raiceiros, presentará o proxecto Cántigas da Ulla, que recolle coplas da tradición oral da zona. Este traballo, publicado en 2010, deu lugar a unha exposición con 50 debuxos e un audiovisual sobre as coplas recollidas.
A continuación, ás 18:35 horas, proxectarase o documental Coplas Ulláns. Cántigas da Ulla, e ás 18:50 horas terá lugar a presentación do caderno de campo Ulla oralmente, coa participación de Sofía Riveiro e Henrique Neira.
O evento rematará ás 19:20 horas cunha actuación musical a cargo do grupo Xesta Verde, poñendo o broche final a unha tarde de celebración das nosas letras e músicas tradicionais.
A actividade está organizada por Carballo Vivo, o Concello de Friol, a asociación Raiceiros e o Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC.