As citas deportivas para as festas vilalbesas
O programa das Festas de San Ramón e Santa María de Vilalba 2022, que se celebrarán desde o 21 agosto ata o 8 de setembro conta con numerosas actividades de ocio e lecer para todas as idades así como deportivas, un dos puntos principais da programación que todo os anos reúne centos de participantes.
FÚTBOL. O Vilalbés aproveita o parón ligueiro e a pretempada para disputar a nova edición do Trofeo President, un torneo tradicionalmente estival, que coincide coas festas patronais de San Ramón e Santa María. Este torneo será o sábado 24 de agosto e enfrontará ao Rácing Club Villalbés e o Bergatiños. O partido está previsto para as 12.00 horas no estadio da Madalena.
XADREZ. O martes 3 de setembro ás 18.00 horas e na praza da Constitución xogaranse as XXX Simultáneas de Xadrez. Se o tempo non o permitise celebraranse no Espazo Xove. As partidas estarán abertas a participación do público en xeral, sen límite de idade. Todos os participantes recibirán un agasallo. Este encontro está organizado polo Espazo Xove de Vilalba, a Xefatura Territorial da Consellería de Política Social e Xuventude e o Concello de Vilalba.
RUGBY. O sábado 7 de setembro será o Torneo Rugby Infantil Santa María e San Ramón a nivel escolar para pequenos de menos de 12 anos. Trátase da terceira edición desta especialidade deportiva que está a ter un importante crecemento en Vilalba da man dos Capóns de Vilalba, organizadores da cita, a que tamén están invitados os equipos da contorna, cos cales compiten durante toda a tempada. Terá lugar no anexo da Madalena a partir das 11.00 horas.
TENIS. O tradicional Torneo San Ramón de tenis, organizado polo CT Vilalbés, disputa ata o 29 deste mes a súa trixésima primeira edición, desde que comezou o mércores 21. Conta cun total de 55 participantes. Compiten nas pistas da Madalena nas categorías absoluto, +35, benxamín, alevín e infantil masculino e feminino, ademais de dobres absoluto masculino.
TAEKWONDO. Desde o Club Moo Duk Kwan de Vilalba, despois de perder a súa actividade Galibudo, crean un novo punto de encontro aberto ao colectivo do deporte en xeral desde a perspectiva das artes marciais.
Será unha conferencia onde se falará sobre o obxectivo principal na transmisión das artes marciais (aplicado a calquera disciplina deportiva), a práctica do deporte en valores, como se debe orientar o desenvolvemento do practicante, os beneficios da competición, o traballo en equipo, o saber gañar e saber perder, o contexto familiar, etc.
A cita será no Centro Cultural Recreativo de Vilalba o vindeiro 31 de agosto ás 19.00 horas e será un acto aberto a todo o mundo, pero especialmente enfocado a deportistas e pais, e pode ser de interese para os profesionais.
Os relatores deste acto serán Benjamín Reyes Martín, licenciado en Medicina, mestre de Karate (Seidokai); Francisco Garrido, mestre de Tae Kwon-Do, cinto negro 8 Dan, excompetidor de elite, exseleccionador e adestrador selección catalá de TKD; Francisco Ruiz Rey, ex presidente Rácing Club Vilalba 2013-2021, adestrador fútbol nivel 2, e árbitro RFEF; Alberto Cuevas Calderón, alumno do mestre okinawense Choyu Hentona desde 1974, Cinto negro 7º Dan de Karate, 5º Dan de Ju Jutsu, 5º Dan de Goshin Jutsu e campión nacional de boxeo en 1981; e o coordinador, Antonio Montes Hermida.
O prazo de inscrición xa está pechado.