As contas de Burela presentan un aforro de máis dun millón de euros
Na reunión da comisión especial de contas foi aprobada a conta xeral de 2018 do Concello burelés, que pechou o exercicio pasado cun remanente de tesourería de 3.500.000 de euros, cun aforro bruto de máis dun millón de euros e cun aforro neto de 922.000 euros. Para o alcalde, Alfredo Llano, estas cifras indican que as cousas se están facendo ben. O rexedor subliña que o Concello non ten practicamente débeda e que cumpriu coas obrigas normativas, como a estabilidade financieira ou a regra de gasto.
Llano explicou que “fixemos a reunión da comisión especial de contas. O propósito e o obxectivo era aprobar a conta xeral do exercicio 2018. E foi aprobada, dado que as contas do Concello de Burela están perfectamente levadas e dan uns resultados que son moi merecedores de optimismo”.
O alcalde salientou que “temos un remanente de tesourería de 3.557.000 euros, que é unha cifra enorme que nos vai servir posiblemente para financiar un maior volume de gastos para o ano que ven. Tamén temos un aforro bruto de 1.061.000 euros e un aforro neto, que nos vai servir para a execución do presuposto para o ano que ven, de 922.000 euros. Penso que esas cifras indican claramente que estamos facendo as cousas, dentro das nosas posibilidades, bastante ben”.
O rexedor engadiu que “practicamente non hai débeda, é moi escasa e ven derivada aínda de cando se fixo a escisión de Cervo e Burela, que naquel momento axudou a Xunta de Galicia cun préstamo do que agora mesmo xa non se pagan intereses, polo tanto enseguida vai vencer. Así que débedas cero no Concello de Burela”.
Alfredo Llano insistiu en que “temos un remanente moi grande de 3 millóns e medio de euros e iso indica claramente que non se fixo nada que superara os gastos sobre os ingresos, ou sexa, que se foron levando as cousas ben. Hai outra cousa que hai que indicar, que se cumpre sobradamente co que son as obrigas normativas, por exemplo o que son a estabilidade financieira e a regra de gastos, todo aquilo que dalgunha maneira condiciona como se teñen que levar as contas dun Concello, pois aquí estamos cumprindo todo”.
O alcalde manifestou que “esta conta xeral do exercicio 2018 ven contrastar dunha maneira moi solvente que o Concello de Burela agora mesmo está moi ben en cuestión de economía. Imos tratar de seguir así durante moito tempo para que o Concello poida, con garantía, facer as súas labores, os seus traballos, crear emprego dentro das súas posibilidades cando se contratan obras, e todo aquilo que sexa beneficioso para o conxunto dos nosos veciños e veciñas”.