“As decisións políticas van ás veces máis dirixidas a que desaparezamos que a axudarnos”

Este é o seu primeiro achegamento á Moexmu?
Como xuíz é a primeira vez que vou, aínda que como público levo moitísimos anos e algunha vez, cando era máis novo, tamén me tocou preparar vacas.
Como ve esta feira?
É un referente en Galicia, pero ademais, en España, é un dos concursos máis antigos e consolidados que hai, cun nivel sempre óptimo.
Como se chega a ser xuíz?
O meu é afección desde pequeno, con uns sete anos, cando xa meu pai ía aos concursos de vacas. Ves as competicións, gústanche e logo podes optar, como fixen eu, a xuíz. O procedemento é sinxelo, empezas a facer escolas de xuíces, nas que tes que sacar unhas notas requiridas pola Conafe, cumprir unha serie de requisitos e é a propia confederación a que che propón ser xuíz, posto que podes aceptar ou rexeitar. Eu, no meu caso, aceptei. Desde entón, levo arredor duns tres anos xulgando.
Como é a experiencia?
Eu, como experiencia persoal, prefiro levar os meus animais a concurso, aínda que iso non quita que valorar os dos meus compañeiros sexa unha vivencia enriquecedora. Eu sempre intento impartir a maior xustiza posible.

Que lugares percorreu?
Xa sexa como xuíz, como preparador ou levando os meus propios animais, visitas unha gran cantidade de países. España, por exemplo, xa a percorrei de norte a sur e de leste a oeste.
E ve algunha particularidade noutros países?
A verdade é que coa Frisona hai unha unificación moi grande a nivel mundial, as vacas son cada vez máis similares en todos os países. Hai un tipo que é para todo o mundo igual, en Galicia; en Francia; Canadá ou nos Estados Unidos, e todos os gandeiros van buscando ese ideal de vaca, polo que a diferenza é ínfima. A maiores de todo iso, a xenética é mundial, polo que a raza é moi uniforme en todos os países, é dicir, podes usar touros italianos, estadounidenses e canadenses.
Que é o que se valora á hora de xulgar?
Como comentaba, hai un modelo de vaca mundialmente recoñecida e, polos datos que van recompilando os cualificadores ou controladores, o que se busca é que sexa leiteira, lonxeva e o máis rendible posible para o gandeiro. De aí sacamos ese tipo ideal, que sería o que tería os 100 puntos, é dicir, o perfecto. A vaca ten catro grandes rexións: o sistema mamario, patas e pés, estrutura de capacidade e estrutura leiteira. Aplícase un sistema de porcentaxes; por exemplo, o sistema mamario supón o 42% da cualificación final, as patas un 25% e as estruturas, tanto a de capacidade como a leiteira, levan o resto da porcentaxe. Comparando esa vaca coa ideal, tes que decantarte pola que máis se lle pareza; por iso tamén se comparan unhas respecto doutras. O principal non é a estética, senón a funcionalidade e a rendibilidade do gandeiro na explotación.
Respecto ao relevo xeracional, nota que hai interese por ser xuíz ou pola gandaría en xeral?
Considero que o relevo xeracional é un problema moi grande no sector. Só fai falta mirar as estatísticas: cada día desaparece máis gandería, o que desemboca nun menor número activo destas. Moitas veces as políticas que se toman van máis encamiñadas a que desaparezamos que a axudarnos.
Que prefire, xulgar ou competir?
Eu prefiro, como xa dixen, competir cos meus animais antes que xulgar. Por exemplo, un concurso nacional non o xulgaría, senón que iría cos meus animais. Tamén se vive con máis intensidade sendo competidor, tendo os teus animais na pista, xa que xulgando non vives nervios, só intentas ser o máis xusto posible e tratar aos compañeiros coa mesma vara de medir.
Que opina da xestión da dermotose nodular?
Nestes momentos nos que hai unha enfermidade chamada dermatosis nodular, cómpre dar os parabéns a Moexmu e a todas as administracións por seguir apostando por facer estes eventos tan necesarios e demostrando que, se se quere, hai medidas sanitarias suficientes como para poder facelos sen ningún tipo de risco para os animais nin para a saúde das persoas.