As Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra, satisfeitas ao asumir o Estado a declaración de zona afectada por emerxencia
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso, amosaron este martes a súa satisfacción trala reunión para a avaliación das gravísimas consecuencias provocadas pola vaga de lumes, convocada pola Delegación do Goberno, tras a confirmación de que o Estado declarará a Galicia zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil, tal e como solicitaron este luns as tres deputacións e os concellos afectados.
A presidenta pontevedresa, Carmela Silva, que exerceu de portavoz, sinalou que “aínda que estamos moi satisfeitos porque atenderon as nosas demandas, esiximos que sexa no Consello de Ministros do próximo venres cando se faga esta declaración, xa que levamos nove días con gravísimos danos e os concellos afectados non poden esperar máis para que cheguen as axudas”
A presidenta lembrou que “a aplicación desta lei é algo habitual e non é a primeira vez”. Deste xeito, referiuse ao mes de decembro de 2016, cando “só seis días despois das chuvias torrenciais en diversas provincias andaluzas e na Comunidade de Valencia, o Consello de Ministros fixo esta declaración”.
Por iso, as tres deputacións reclamaron “a inmediatez da súa aplicación en Galicia, sen ter que agardar a ter todos os datos de afeccións, exactamente igual ao que ocorreu cando se tomou esa decisión en Valencia e Andalucía”. Do mesmo xeito, Carmela Silva, Valentín Formoso e Darío Campos instaron a que “se contemplen todo tipo de axudas como ocorreu nese caso, onde todos os ministerios aportaron recursos, xa que deste xeito estaría cuberto un montante moi importante das consecuencias que sufriron os veciños e concellos en todas as provincias onde se produciron os lumes”.
Silva engadiu que “a lei 17/2015 establece con claridade que, fronte a este tipo de catástrofes, hai axudas de todo tipo”, isto é, “por danos persoais, materiais, en vivenda habitual e bens de primeira necesidade, aos establecementos industriais, mercantís, agrarios, marítimos, pesqueiros e turísticos e tamén as compensacións ás corporacións locais polos gastos derivados de actuacións inaprazables, así como medidas tanto tributarias como da seguridade social”.
Ademais, os e as dirixentes provinciais tamén solicitaron que, canto antes, se coñeza a cifra real das hectáreas queimadas, “porque consideramos que son moitas máis que 35.500 e, malia que a conselleira de Medio Rural xa dixo que se trataba dunha estimación e que se vai facer un estudo perimetral, precisamos dispoñer dos datos que nos permitirán tomar decisións, non só a nós, senón a todas as administracións”.
Na reunión “tamén coñecimos o conxunto de medidas que vai levar a cabo a Xunta de Galicia, as que se tomaron e as que se aprobarán na lei de acompañamento, onde a propia conselleira tamén nos animou a presentar medidas adicionais”, sinalaron, ademais de “outro tipo de axudas directas que anunciou o vicepresidente da Xunta e que son as que vimos reclamando desde o día seguinte aos lumes, tanto as Deputacións como os alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados”.
A presidenta e presidentes provinciais tamén mostraron a súa satisfacción tras o anuncio hoxe mesmo da Ministra Tejerina da posta en marcha dunha estratexia nacional contra o cambio climático, “unha demanda que faciamos onte mesmo e que consideramos fundamental porque o cambio climático e a seca chegaron a Galicia para quedar”. Po iso instaron igualmente á Xunta e ao Estado “a cambiar o modelo da política forestal, consensuado tanto coas comunidades autónomas como cos concellos”.
Silva, Campos e Formoso si trasladaron á necesidade de cambiar os modelos de coordinación e protocolos. “Estamos moi preocupados. É evidente, e dino os propios alcaldes e alcaldesas que son quen o sufriron en primeira persoa, que houbo unha descoordinación e que as cousas non funcionaron”.
As deputacións solicitan “un mando único para o conxunto de rexedores e rexedoras locais cando se produzan este tipo de catástrofes, que poidan ter un teléfono ao que dirixirse, que se establezan medidas claras de como actuar ante estas situacións porque non teñen autoridade para poñer en marcha medidas nin tan sequera teñen directrices, cousa que a poboación tampouco, poñendo en risco as súas vidas”. Ademais, solicitaron “un novo sistema de alarma que permita que se poidan tomar medidas axeitadas, é necesario crealo porque vimos como o 112 se colapsou durante eses días”.
Por último, Carmela Silva, Valentín Formoso e Darío Campos fixeron “un recoñecemento aos alcaldes e alcaldesas de todas as provincias, que cando se iniciaron estes tremendos incendios estaban a pé de rúa, polo que os e as temos que recoñecer, ao igual que á veciñanza e aos corpos de seguridade, pero a elas e a eles particularmente porque sen recursos nin medios técnicos, humanos e económicos saíron a pelexar contra algo tan duro como son os lumes”.