As dúas residencias de Ribadeo celebraron con diversas actividades o Día do Maior
As dúas residencias de Ribadeo celebraron con diversas actividades o Día do Maior. Na nova foi inaugurada polos propios usuarios a pista de petanca da que xa puideron gozar. A concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire, asegura que o seu departamento continuará traballando para que os usuarios e usuarias poidan seguir disfrutando de actividades como as de onte, xoves, e das que se fan diariamente en ambas instalacións.
Freire Rancaño contou que “nas residencias municipais de Ribadeo celebramos de xeito festivo o Día do Maior. No centro de atención a maiores, xa días atrás, tiveron un obradoiro de manualidades para elaborar os adornos para este día. Onte tiveron unha ampla e divertida programación. Ás once fíxose un taller de zumba adaptada, ás doce puidemos inaugurar a pista de petanca, incluído o corte da correspondente cinta. Ás doce e media tivemos unha competición de bolos, e para rematar á unha e media houbo un menú especial para este día. Ao longo da tarde houbo karaoke con baile para todos os usuarios e usuarias. Tamén no hospital asilo celebramos este día dun xeito moi especial”.
A concelleira ribadense dixo que “desde a Área de Servizos Sociais do Concello quixemos acompañalos e felicitalos nesta data dedicada. Seguimos traballando para que poidan seguir disfrutando destas actividades, pero tamén das que se fan diariamente en ámbalas dúas residencias”.
A edil de Servizos Sociais subliñou que “estamos moi orgullosos do traballo que se está a facer nas residencias. Somos coñecedores das dificultades e do esforzo que supón para toda a comunidade vinculada con elas, usuarios, familiares e traballadores, a actual situación relacionada coa pandemia do Covid-19. Non queremos deixar de destacar o encomiable esforzo realizado por todos eles para que a situación das residencias sexa a que é”. E engadiu que “a sona das celebracións foi tal que ata os sanitarios do Sergas quixeron participar delas e aproveitaron para facerlle unha PCR aos traballadores dos dous centros”.