As escavacións no castro de Viladonga deixan ao descuberto 15 estruturas posiblemente dedicadas a vivendas
A última fase de escavacións no Castro de Viladonga deixou ao descuberto 15 estruturas; en varias delas pódese apreciar a existencia de lareiras, o que indica que posiblemente estiveron destinadas a vivendas. Os investigadores tamén atoparon unha fouce, varias asas de bronce e fragmentos diversos de cerámica.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou este luns o castro acompañado por Roberto Pena, xefe do Servizo de Arqueoloxía da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e Elena Varela, directora do Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga, entre outros.
Balseiro explicou que a Consellería investiu 85.400 euros nestes traballos, que remataron a pasada semana e que serviron para abundar no coñecemento dos sectores sur e oeste do castro. Ademais de exhumar estruturas que permanecían ocultas, procedeuse á consolidación doutros espazos que estaban deteriorados.
Así, entre outros traballos, reconstruíronse parcialmente muros dos que só quedaba a cimentación para evitar que co tempo quedaran completamente arrasados. Para elo, eleváronse levemente con dúas ou tres fileiras de pedra, deixando evidencias, cunha liña de pequenos seixos, da diferencia entre os restos orixinais e a parte rehabilitada. Igualmente, a intervención incluíu a limpeza da vexetación -nalgunhas zonas manual- nunha área de aproximadamente 1,8 hectáreas.
Balseiro sinalou que as actuacións achegarán información valiosa, como o uso orixinal dalgúns dos espazos escavados, que axudan a seguir avanzando na interpretación do xacemento. Ademais, recuperouse material que tamén da pistas sobre a vida no castro e enriquecerá os fondos do museo.
En definitiva, afirmou o delegado, “con esta iniciativa, a Xunta sigue a impulsar a investigación, documentación e acondicionamento dos espazos, e mellorando a visibilidade e a accesibilidade ao castro”.
Ao respecto, Balseiro gabou “o labor que realiza o Museo de Viladonga na conservación e promoción do noso patrimonio e da nosa historia”.