As Escolas Deportivas 17/18 botan a andar en Cospeito o luns 2 de outubro con oito actividades
As actividades das Escolas Deportivas de Cospeito 17/18 comezarán o vindeiro luns 2 de outubro e prolongaranse ata o 31 de maio de 2018.
Os alumnos e alumnas recibirán clases de fútbol sala, patinaxe, ximnasia rítmica, natación, tenis e tenis de mesa. Pero tamén haberá ximnasia para adultos e Zumba.
Todas elas se desenvolverán en horario de tarde, excepto as clases de patinaxe que se dividen en dous grupos -segundo idade e nivel- que se desenvolverán no ximnasio do CPI Virxe do Monte e no pavillón municipal de Cospeito os martes e mércores de dúas menos cuarto a tres menos cuarto da tarde -ademais dos luns entre as cinco e as seis e cuarto da tarde-.
Dous grupos se establecen tamén para as clases de ximnasia rítmica. Así, os xoves entre as catro menos cuarto e as cinco será a quenda do grupo 2 -con alumnos e alumnas nacidas entre 2002-2010- e entre as cinco e as seis, par ao grupo 1 -con alumnos e alumnas nacidas entre o 2010 e o 2013.
O pavillón municipal de Muimenta acollerás as clases de tenis os luns e mércores de tres e media a catro e media. E, no caso do tenis de mesa, as clases desenvolveranse o xoves entre as catro menos cuarto e as cinco no ximnasio CPI Virxe do Monte no pavillón municipal de Cospeito.
As clases de natación desenvolveranse os luns na piscina de Vilalba divididos en tres grupos segundo idade e nivel -ademais dun grupo de nado libre- en horario de catro e cuarto a cinco, aínda que xa se contempla a recollida dos alumnos e alumnas á saída do colexio acompañados dun monitor.
A tarde do martes será para fútbol sala: de catro menos cuarto a cinco -prebanxamíns e benxamíns-, de cinco e dez a seis e dez -alevíns- e de seis e vinte a sete e vinte -para infantís e cadetes-. Estes dous últimos terán clases divididas o mércores pola tarde: os infantís de catro menos cuarto a cinco e os cadetes, de cinco e dez a seis e dez. No mesmo horario, pero os venres, haberá clases para alevíns e benxamíns, respectivamente. O pavillón municipal de Cospeito será o escenario destes adestramentos. Ata alí serán trasladados os nenos e nenas de Muimenta; xa que "debido o baixo número de inscricións non facilitaba a formación doutro grupo", como explica o coordinador das Escolas Deportivas, Adrián Paz "Tucho".
Igualmente, os nenos e nenas inscritos nalgunha das actividades que finalmente non se imparte por falta de alumnos e alumnas, poderán inscribirse noutra avisando previamente ao coordinador.
Adultos
As Escolas Deportivas 17/18 tamén achegan actividades dirixidas especialmente a adultos. É o caso das clases de ximnasia que se desenvolverán en Muimenta os luns de sete a oito da tarde e en Cospeito os xoves de sete e media a oito e media.
Tamén se impartirán sesións de Zumba para adultos os luns e venres de sete e media a oito e media.