As familias de Cospeito, Outeiro de Rei e Castro de Rei concentraranse o sábado pola falta de pediatras

TerraChaXa
Reclaman á veciñanza da contorna que acuda á concentración, que se realizará ás 12.00 horas diante do CEIP Veleiro Docampo
concentracion-pediatras-cospeito
12 Dec 2024

As familias afectadas polas deficiencias no servizo de pediatría dos concellos de Outeiro de Rei, Castro de Rei e Cospeito fan un chamamento a toda a poboación destes concellos para que acudan á manifestación convocada para este sábado, día 14 de decembro, ás 12:00 horas, con saída de diante do CEIP Veleiro Docampo de Castro de Ribeiras de Lea e rematando diante do centro de saúde da mencionada vila.

"Seguimos cun servizo moi deficitario con continúas faltas de persoal e cando temos servizo este é prestado por persoal sen a correspondente especialidade en pediatría, seguiremos convocando protestas ata conseguir que as nosas crianzas teñan garantido un dereito tan básico como é o dereito á saúde", explican desde o colectivo.

Afirman que isto non só é un problema das familias que teñen que utilizar o servizo de pediatría, "é un problema que afecta a toda a veciñanza dos tres concellos. A falta de pediatra repercute directamente no servizo que poden prestar outros facultativos na atención primaria ás familias aumentando o número de pacientes que teñen que atender nunha quenda diaria facendo así as listas de espera moito máis longas".

Por iso fan un chamamento a toda a veciñanza de Castro de Rei, Cospeito e Outeiro de Rei "para que se unan ás nosas xustas reivindicacións e acudan á manifestación deste sábado".

0.13724708557129