As familias do CEIP O Salvador avalan maioritariamente o cambio á xornada única
O 85% das familias do CEIP O Salvador da Pastoriza votou este luns a favor do cambio á xornada única lectiva. Este último pase pecha un proceso iniciado fai meses e ao que só lle resta ser aprobado pola xefatura provincial de educación.
Dos 69 electores posibles do centro, votaron 60, o 87% e deles 51 escolleron o cambio de xornada. Ademais, 8 votaron en contra e 1 fíxoo en branco. Para que a xornada única fora aprobada era necesario o acordo o 58% do censo dos pais, nais e titores legais dos alumnos.
O cambio de xornada proposto polo centro non implica cambios no horario de centro nin tampouco nos servizos de transporte e comedor. O horario de entrada do centro seguirá a ser ás 9.30 horas e rematarán ás 15.40 trala comida. Os venres a saída será ás 14.00 horas e manterán o horario actual.
O centro asegura que o cambio de xornada está fundamentado nunha distribución máis funcional, na mellora da atención e no rendemento intelectual do alumnado, na adquisición de hábitos horarios semellantes á seguinte etapa educativa e á mellora da conciliación familiar.
Neste último suposto é para o caso dos nenos e nenas que non fan uso do servizo complementario de comedor, xa que as súas familias terán maior facilidade posto que recollerán ao alumnado despois da última sesión, non tendo que traer de volta ao centro educativo ao alumnado despois de comer para a última sesión.
Para esta cambio, houbo acordo primeiro do claustro de profesores, despois do consello escolar e contaron tamén co informe favorable do Servizo de Transportes da Xefatura Territorial de Lugo.