As festas das Pontes contarán cun extenso programa deportivo
O Concello de das Pontes, a través da área de Deporte e Xuventude, deseñou un completo programa de actividades deportivas para celebrar as festas patronais que comezaron o pasado día 7 de xullo e que se estenderán ata o domingo, 22 de xullo.
O programa de actividades abriuse a fin de semana co torneo de tenis Festas do Carme 2018 que se disputará ata o 13 de xullo nas pistas da Canle IV para as categorías alevín, infantil, cadete e sénior masculino federado e sénior +35 federado. Tamén a fin de semana, o domingo, nos locais do Lar celebrouse o XIX torneo de xadrez Festas do Carme, seguindo o sistema de competición suízo a 7 roldas e partidas de 12 + 2 por xogador.
A partir do venres, 13 de xullo, será a queda para o maratón de fútbol sala que ata o domingo, 15 de xullo, reunirá nas pistas do colexio Santa María a equipos de toda Galicia das categorías sénior feminina e masculina e veteranos masculino.
Ese mesmo fin de semana, o sábado, 14 de xullo, terá lugar, a partir das 11:00 horas, nas instalacións da piscina municipal, un seminario de defensa persoal dirixido a mulleres e, ás 19:00 horas, na prazo do Coireiro, a veciñanza poderá gozar dunha exhibición canina de adestramento deportivo.
En plena celebración das festas patronais, o sábado 21 de xullo, na pista do CEIP Santa María, desde ás 10:00 e ata as 19:00 horas, os ponteses e visitantes terán unha cita co torneo 3X3 Basquet & Music 2018. Tamén o sábado, a partir das 10:30 horas, o campo de tiro Pena da Revolta acollerá a Tirada social Vila das Pontes pistola standard e as 18:30 horas, do sábado, no campo Monte Medulio celebrarase, ás 18:00 horas, o partido de rugby de veteranos.
Xa o día 22 de xullo, como peche do programa de actividades, o campo de tiro de Pena da Revolta será o escenario do XXVIII Trofeo Vila das Pontes Foso Olímpico. A cita comezará ás 09:00 horas e prolongarase ata ven entrada a tarde.
Trátase segundo o goberno local “dun programa pensado para todos os públicos e co que queremos animar, a toda a veciñanza e visitantes a participar nas Festas do Carme e A Fraga”.