As festas de Vilalba do 2025 nunha única imaxe

TerraChaXa
Eduardo Pérez Baamonde, pintor, ilustrador e muralista vilalbés, é o autor do cartel do ano
eduardo-baamonde
25 Aug 2025

Un dos primeiros anuncios das festas de San Ramón e Santa María foi o autor do cartel anunciador do evento.

Nesta ocasión, a persoa elixida foi Eduardo Pérez Baamonde, un vilalbés, afincado en Cambados, que desenvolve unha meritoria traxectoria profesional como pintor, muralista e ilustrador; acumulando máis de 60 exposicións individuais da súa obra e acadando no ano 2018 o XXVII Premio Nacional de Pintura Antonio Arnau.

Tratouse dunha petición na que todos os membros da comisión estiveron de acordo buscando un vilalbés para explicar cunha imaxe o que son as patronais da vila. Falamos co autor.

Explíquenos como foi que acabou deseñando o cartel?

Foi a responsable da concellería de Cultura a que contactou comigo, pois coñecía a miña traxectoria artística e no 2024, a titular anterior dese departamento, encargoume unhas acuarelas para agasallar ao xurado do certame literario e ao pregoeiro. Xa daquela falamos da posibilidade de realizar o vindeiro cartel do San Ramón.

Que é o que quere representar nel?

Ante todo quero resaltar o carácter festivo do evento e, polo tanto, tratar os motivos con desenfado e cunha miguiña de humor. Por iso aparece o Castelo bailando, a “O” de Ramón é un roscón e sobre a torre fixen unha moi merecida homenaxe á banda municipal que, amoreados os músicos, tocan como poden sen perder o equilibrio. Incluso un foguete atravesa o bombo e seguen amenizando a festa.

É o primeiro cartel que fai para as festas de Vilalba, pero non o primeiro que deseña, xa que ten moito traballo desenvolvido neste eido, non?

Si, é o primeiro. Fai anos houbo algún intento errado. Sempre me atraeu o formato cartel pola suma que implica de imaxe, texto, idea e impacto visual que debe provocar. É un reto moi estimulante e, tamén, moi esixente, que trae a miúdo un longo proceso de bosquexos e de ensaios que, ata dar co produto final, moitos deles rematan na papeleira.

Fálenos un pouco do seu traballo, cando comezou e canto tempo leva nisto?

Comecei a debuxar como feito expresivo e maneira de comprender o que nos rodea, xa dende moi pequeno. Despois desenvolvín a miña carreira como profesor de Debuxo no ensino e paralelamente practiquei a pintura rápida, o sketching, o deseño de carteis, logotipos, asistencias a feiras nacionais e internacionais, exposicións, etc.

Como combina as distintas especialidades nas que traballa?

Debuxar é unha actitude. Un xeito de pasar pola vida. Pode parecer unha esaxeración -claro está-, pero ata durmindo teño na cabeza un lapis e un papel. Acumúlanse no estudo moreas de cadernos cheos de debuxos. Sempre teño cerca algo para facer un apunte e, de non ser así, só vexo as rúas, as xentes e as paisaxes como posibles encadres.

De que traballos se sente máis orgulloso?

O certo é que se estivera plenamente satisfeito con algún traballo, acabaría pisado pola autocomplacencia. Todos os días indago, probo, estudo e analizo para conseguir novas fórmulas expresivas. Ben, deixemos aparte o misticismo: creo que a fundación, xunto con Anabel Ramudo, de Almacén de Fábulas como proxecto editorial especializado na publicación de cadernos de acuarelas sobre Galiza é o legado máis importante que deixarei cando marche.

Cales son os seus obxectivos profesionais?

Ademais de seguir aprendendo para mellorar plasticamente, manter a enerxía suficiente e o ánimo ben afiado para seguir buscando interpretacións imaxinativas, participando en concursos de pintura rápida, viaxando e facendo acuarelas directas e, algo que cada vez me ocupa máis esforzo intelectual e tempo, realizar viñetas de humor gráfico que, en certo sentido, se converteron no meu manifesto ideolóxico.

Como é a súa vinculación con Vilalba e tamén coas súas festas? Como as vivía antes e como as vive agora?

Como imaxinarás a relación co San Ramón non é a mesma con 15, con 24, con 47 ou con 63 anos. Para os que nos mantivemos vencellados a Vilalba, aínda que non residamos habitualmente, chega o 31 de agosto e as lembranzas rebulen na memoria. Máis que unha implicación activa nas festas, á nosa idade son unhas datas que propician os encontros con vellos amigos e con outras moitas persoas coas que tivemos relación ao longo dos anos.

⚙ Configurar cookies
0.16410994529724