As Festas de Vilalba viven hoxe o seu día grande coa gala do Certame Literario

Hoxe, sábado, coincidindo co día grande das festas patronais de San Ramón e Santa María, Vilalba volve converterse en capital da palabra coa celebración da gala do Certame Literario, que chega á súa 51 edición consolidado como un dos premios máis prestixiosos da poesía galega.
O evento terá lugar no Auditorio Municipal, dentro do acto do pregón, e contará coa entrega dun galardón que, un ano máis, recoñecerá o mellor poemario inédito escrito en galego. O premio está dotado con 7.000 euros en metálico e coa publicación da obra gañadora, o que supón un dobre recoñecemento para o autor ou autora que resulte distinguido.
Este ano, proclamouse como gañadora a obra Nakba, presentada baixo o lema Coma quen lambe a ferida e cuxa autora é Patricia Torrado Queiruga.
O certame, o máis antigo de Galicia e tamén o mellor dotado economicamente, está recoñecido como unha das grandes citas da creación literaria no país. A gañadora desta edición recibirá un premio de 7.000 euros, ao que se suma a publicación da obra.
O xurado estivo composto por figuras de referencia do ámbito cultural e académico galego: Darío Villanueva, membro da Real Academia Española; Ramón Villares, catedrático de Historia; Xulio Xiz, xornalista; Fidel Fernán, director do Grupo de Radio Principal; Luz Airado, avogada e poeta; e Andrea Fernández Maneiro, poeta e gañadora da edición anterior.
HISTORIA
O Certame Literario de Vilalba botou a andar en 1975, recollendo o testemuño do antigo Certame Literario da Terra Chá, promovido polos concellos da comarca. Dende aquela, e de xeito ininterrompido, Vilalba vén premiando a creación literaria en verso e en prosa, tanto de maiores como de rapaces, mantendo sempre un altísimo nivel de calidade e participación.
A primeira gañadora foi María Luisa Baamonde Campos, coa obra Pícaro, picariño. Dende entón, nomes de referencia da literatura galega como Helena Villar Janeiro, Darío Xohán Cabana, Xavier Alcalá ou Yolanda Castaño teñen recollido este premio, o que o sitúa como un dos máis destacados do panorama poético en Galicia.
A especialización do certame na poesía en galego e a súa aposta pola publicación anual das obras premiadas fan deste concurso un punto de encontro para a cultura e para a sociedade vilalbesa. O respaldo institucional do Concello de Vilalba, que leva máis de medio século impulsando esta cita, reforza a importancia dunha tradición literaria que deu nomes fundamentais á literatura galega contemporánea.
Por iso, o acto de entrega de premios, no marco do pregón das festas, é considerado un dos acontecementos máis significativos do calendario cultural vilalbés. Aínda que o nome da persoa gañadora desta edición non se coñecerá ata poucos días antes da gala, o Certame Literario segue a cumprir co seu obxectivo: facer da poesía unha celebración compartida e proxectar a creación galega máis alá da Terra Chá.
A traxectoria da gañadora
Patricia Torrado Queiruga (Porto Son, A Coruña) é licenciada en Filosofía pola USC, museóloga e experta en conservación e restauración do patrimonio pola UAH, ademais de contar con mestrados en Xestión Cultural e en Relacións Públicas e Protocolo pola UPO.
A súa traxectoria literaria está avalada por numerosos recoñecementos, entre os que destacan:
● Primeiro premio do Certame Manuel Murguía de narracións breves (2020).
● Primeiro premio do III Certame de poesía Torre de Caldaloba (2020).
● Primeiro premio no III Certame de Caligramas Constanza de Castro (2023).
● Primeiro premio no XI Concurso de Poesía Albariza de Artes-Concello de Ribeira (2024).
Ademais, foi galardoada en varias ocasións nos Certames de Microrrelatos do Día do Libro de Vilalba, nos que acadou distintos premios entre 2019 e 2022, así como noutras citas literarias de relevancia.