As festas de Vilalba desde tres puntos de vista municipais
Jessica Fernández
As tres áreas que levan os tres concelleiros de Vilalba Aberta están moi relacionadas coas Festas do San Ramón e Santa María. Así, falamos con Modesto Renda, vicealcalde e concelleiro de Urbanismo, Mobilidade, Infraestruturas Rurais e Desenvolvemento Industrial; con Tamara Rodríguez, tenente de alcalde e concelleira de Cultura e que se despide do seu cargo tralas festas; e María Xosé Fernández, concelleira de Comercio, Turismo e Promoción da Lingua.
Modesto Renda, responsable de Urbanismo, Infraestruturas e Industria
Que destacaría da organización das Festas do San Ramón?
Eu deste San Ramón destacaría a valentía dos veciños que se animaron a formar unha comisión. Eu creo que son un exemplo no que nos temos que mirar. Eles non pediron nada a cambio e fixeron un traballo de feito desinteresado. Estamos en débeda con eles. Este ano o orzamento para as festas foi de 60.000 euros, 20.000 euros menos que o presuposto do ano pasado, xa que conseguimos renovar o contrato do lixo por 1.600.000 euros e tamén renovamos o contrato do SAF por valor de máis de 3 millóns de euros, polo que tivemos que axustar o presuposto nas demais áreas, xa que non quixemos subirlles os impostos aos veciños. Tendo en conta que o diñeiro que entra é de 12 millóns de euros, e os gastos aumentaron, tivemos que facer oco. A comisión de festas podía chegar a onde o concello non podía, cunhas marxes de maior liberdade, e conseguir máis diñeiro que un concello. Foi unha decisión difícil, por iso valoramos aos veciños, que son os verdadeiros protagonistas. Por último, querería engadir que o fermoso das festas é que hai moitos vilalbeses na diáspora aos queremos moito, e velos a todos agora, fainos moita ilusión. Por iso animamos a todos os vilalbeses veñan, que desfruten e que sexan unhas grandes festas do San Ramón.
Un ano de Goberno en coalición, cal é o balance do novo goberno desta lexislatura?
Como balance deste ano de lexislatura, eu destaco a boa organización do Goberno de coalición. Normalmente, as negociacións son complexas e non quedan totalmente delimitadas as áreas, e nós fixemos un esforzo moi grande na negociación e iso estase traducindo en que Vilalba Aberta asume con total liberdade as súas áreas, ao igual que pasa na parte do PSOE. Esa organización posibilita a saúde e duración do Goberno. Viñamos dunha experiencia previa na que as cousas non sairan ben e agora estase dando resposta ás necesidades do veciños. En materia de infraestruturas e obras, o PSOE leva o ámbito urbano e nós levamos a zona rural. Tiñamos como obxectivo que se destinara o mesmo investimento na vila que na zona urbana, e estámolo facendo, poñendo o rural como protagonista.
Cales son as accións máis destacadas na súa área neste primeiro ano?
A primeira medida que puxemos en marcha foi escoitar parroquia a parroquia aos veciños do rural. Ademais, xestionamos a mobilidade e urbanismo de Vilalba, poñendo como punto principal un plan para ampliar e mellorar o polígono industrial. Estas accións posibilitan coñecer o rural e a vila moito máis. A segunda acción a resaltar é o investimento de máis de medio millón euros que investimos na zona rural en menos dun ano. Así, Vilalba Aberta destinou 560.000 euros ao rural antes de cumprir o ano de lexislatura. Iso foi posible grazas ao acerto no destino do diñeiro e como base a iniciativa de ir parroquia a parroquia a saber cales eran as necesidades. Todo non se pode cumprir, pero pódese ser máis eficiente. Tamén destacar en mobilidade os cambios que fixemos en canto á sinalización, aínda que falta moito por facer; a ampliación da zona azul, o plan piloto da peonalización da praza de Santa María, coa idea de que se estenda á zona vella; e o cambio da dirección da rúa da Pravia. E, por último, en materia de urbanismo, cando eu cheguei vin un departamento con profesionais marabillosos, pero que pola dinámica do Concello, estaba sobrepasado e había retraso na licitación das obras de actividade de 5 meses. Por iso, suprimimos a ineficiente comisión de urbanismo e, así, que o veciño ou empresa non tivera que esperar. Agora, temos as licencias ao día e fixemos unha reestruturación na área. Ademais, estamos moi preto de dar moi boas novas con respecto a un posible PXOM que levaremos a pleno, algo que é moi importante.
Que queda por facer nos próximos anos de lexislatura?
Queda, e de feito estámoslle dando prioridade, acometer o cambio na normativa urbanística para aumentar o polígono industrial. Esperemos que poidamos adxudicar algunhas leiras a empresas para conseguir a ampliación do polígono, que é prioridade. Outro tema necesario é regular a ordenanza de terrazas, tendo como referencia e seguindo a liña do que se fixo en Sarria. Queremos ser o máis permisivos posible coa hostalaría e adaptar a liña de traballo que seguiron en Sarria, pero adaptando a normativa ás condicións propias de Vilalba. Outra cousa fundamental no segundo ano será que Vilalba teña máis espazos públicos para o estacionamento. Imos sacar un concurso para que os donos de leiras poidan presentar solicitudes como propietarios de parcelas de particulares e que, así, o Concello de Vilalba, a través dun alugueiro de ditas leiras, poida ofrecer aos veciños un espazo onde poder aparcar os seus coches. Esta iniciativa é interesante para darlle alternativas aos condutores que queiran ir ata a rúa da Pravia e á zona vella e dispoñan dun sitio onde deixar o coche. A peonalización limita o espazo para aparcar, por iso debemos darlle saída. Por outro lado, no rural investimos medio millón de euros, que parece moito, pero hai moito por facer. Vilalba é o segundo concello de Galicia en extensión e o primeiro en vías municipais e para nós é fundamental instar á Xunta, que sacou unha liña de axudas específica para o arranxo de vías en concellos onde hai concentración parcelaria, e nós temos tres parroquias con esta tipoloxía e, a pesar disto, Vilalba quedou fóra desa liña de axudas; para que o Concello non volva quedar fóra desa liña de axudas porque sería beneficioso para as parroquias e, á vez, que as zonas rurais puideran ter máis diñeiro municipal para outras cousas.
Tamara Rodríguez, concelleira de Cultura
Por que xurdiu a idea de formar unha comisión de festas?
A idea xurdiu tras ver a situación no departamento de Cultura, xa que os orzamentos, por mor de ter que facer unha nova contratación do lixo e do SAF, que se leva moito orzamento, a área de Cultura foi a máis desfavorecida. Xa o ano pasado consideramos que o presuposto destinado ás Festas do San Ramón era insuficiente, tendo que aprazar concertos, e foron 80.000 euros, e este ano tiñamos 60.000 euros; polo que estiven vendo como cadrar todo e que non se perdera nada da programación. Así, démonos conta de que a única forma de sacar isto adiante era buscar unha comisión de festas e así o fixemos. Aínda así, non me desvinculei da organización; estiven a tope e sigo con eles, así como deixarei o cargo despois do San Ramón, xa que non os quero deixar colgados e quero seguir con eles ata o final.
En que consiste o Proxecto Emprazadas que puxeron en marcha este ano?
Tendo en conta que nun ano pouco se pode facer, xa que a dedicación exclusiva consiste en aprender e en darte de conta do que podes ou non podes facer; puidemos sacar adiante un proxecto novidoso que é o Emprazadas, que está pensando para devolver a vida ás persoas na praza Santa María. Xa no programa electoral de Vilalba aberta levamos o tema de poder peonalizar a praza e quitar os coches, e dando voltas e copiando a iniciativa de Muralleando de Lugo, decidimos que a mellor maneira para chegar a este obxectivo era darlle vida á praza, non só no San Ramón, senón durante todo o ano ir programando eventos culturais para que a xente se animara, que descubrira a praza e que desfrutara dela. Non fixemos todo o que queriamos por falta de orzamento, pero acollemos moitos e diversos actos musicais, teatrais e culturais. Síntome orgullosa e creo que se van seguir facendo cousas nesta liña cando eu non estea.
Por que é importante dispoñer de concertos nesta praza?
Outro dos obxectivos do Proxecto Emprazadas é axudar tamén á hostalaría e ao comercio da zona, polo que organizamos concertos e outros actos culturais para potenciar que as persoas de Vilalba vexan que hai movemento no pobo, que non está morto. Respondendo a comentarios e críticas, cabe dicir que os concertos que se organizan son de pequeno formato e, aínda que ás veces pareza que non hai moita xente ao redor deles, dinamizan a vila e promoven que a xente se achegue polo menos a escoitar e a ver que está pasando. O outro día, por exemplo, veu Catuxa Salom e gustounos moito. E, ademais de fomentar a vida da vila, tamén quedan moito peregrinos a ver os concertos, que lles animan na súa travesía.
Queremos que haxa ambiente en verán en Vilalba, promover a vida na rúa e que a xente se anime a dar unha volta e consuma no comercio local. En definitiva, o obxectivo é achegar todo tipo de cultura de diversos tipos a todos os públicos, para que poidan desfrutar da súa vila; así como devolver a praza ás persoas.
Como cre que o vai facer Mónica no seu posto?
Mónica, a parte de compañeira, é amiga desde hai 15 anos, e ela sabe que pode contar comigo para todo. Deixo isto pero non deixo Vilalba Aberta, polo que me teñen aí para axudarlles. Con respecto a ela, non podo falar sobre o seu traballo futuro, pero estou segura de que vai seguir coa liña de traballo.
María Xosé Fernández xestiona Comercio, Turismo e Promoción da Lingua
Como cre que van ser estas festas?
As festas alónganse máis ou menos dependendo das datas, e son festas que teñen de todo. Porén, contan cun presuposto inferior a outros anos e por iso hai que agradecer o esforzo da comisión para o desfrute dos veciños. É o meu primeiro ano como concelleira, pero son de Vilalba, entón sabemos que contaremos con todos os familiares dos residentes do Concello porque a xente retorna, e ese feito de compartir e estar todos xuntos é moi bonito. Como sempre, hai moitísima xente e este ano, que cadra en fin de semana, esperamos aínda máis.
Como afectan ao turismo de Vilalba?
As Festas do San Ramón teñen moito impacto a nivel de Turismo. Non podo dicir cifras exactas, porque agora mesmo leva máis dun mes pechada a oficina de turismo por baixa laboral da compañeira que o levaba, pero esperamos que, coma sempre, haxa un impacto positivo na vila porque, ademais, por Vilalba pasa xente de todo o mundo. Así, crece a economía nestas datas, sobre todo polas consumicións nos locais de hostalaría e no comercio, no que tamén se vende máis. Nas festas, todo é motivo de aumento de consumo. As festas de San Ramón sempre foron festas moi concorridas e sempre funcionan.
Que outras iniciativas se poden levar a cabo arredor destas festas para promover o coñecemento da vila e da comarca?
Cando son as festas, a xente vén a iso exclusivamente, pero outras persoas que pasen e queden na festa de paso, poden ver moitas cousas en Vilalba, que aquí hai moito que ver e visitar. Dos lugares que eu recomendaría pola súa historia é Pena Grande, rutas, zonas termais... Temos moito que ofrecer. Tamén no ámbito cultural, xa que se poden desfrutar de exposicións e actividades culturais para que a xente que veña non se aburra. Ademais, Vilalba é a vila grande do Camiño do Norte e contamos con feiras gastronómicas como a do Queixo de san Simón, a do Capón, e a do roscón de Vilalba, que é moi típico de aquí. Eu animo a todo o mundo a dar unha voltiña polas festas e por Vilalba, porque a xente de Vilalba é moi acolledora.
CONSULTA O RESTO DO PROGRAMA NESTE ENLACE