“As festas deste ano presentan unha oferta máis ampla, máis inclusiva, máis galega e máis comprometida coa cultura local”

Cóntenos como van ser este ano as festas
As festas deste 2025 serán, unha vez máis, un momento de encontro, celebración e orgullo colectivo. Apostamos por un programa diverso, para todas as idades, que mestura tradición e cultura, a través de múltiples propostas artísticas, e diversión. Serán dúas semanas cheas de actividades, do 10 ao 25 de xullo, con especial protagonismo da música en directo, da danza e das propostas familiares.
Temos novidades con respecto ao ano pasado?
As festas deste ano presentan unha oferta máis ampla, máis inclusiva, máis galega e máis comprometida coa cultura local, sen renunciar aos elementos máis queridos e tradicionais que as definen. Este ano enriquecemos o programa con propostas que responden ao compromiso do Concello por seguir mellorando e innovando ser perder as nosas raíces. Unha das principais novidades é a ampliación das Noites do Carme, que pasan a ocupar toda a semana previa ao inicio oficial das festas. Este ciclo cultural medra tanto en duración como en contido, incorporando novos espectáculos, máis diversidade musical e maior protagonismo das agrupacións locais. Tamén se reforza a presenza da música tradicional e popular, coa participación da banda de gaitas, os grupos de baile galego e a actuación nas Noites do Carme de formacións como Canavella, Os Trevillas e No Cómbaro, que poñen en valor o noso patrimonio inmaterial. Outra das novidades destacadas é o cambio de data e situación Parque Activo que se adiante ao 14 de xullo e presenta un cartel renovado con espectáculos como “Son Animal” de Paco Nogueiras, “Circo na casa” de MeRe Clown e contacontos con Brais das Hortas e pasamos de unha a dúas festas da escuma.
Nesta edición o galego cobra protagonismo. Cóntenos como vai ser
O galego é protagonista en todos os espazos das festas: na comunicación, nos espectáculos, nos concertos e mesmo na literatura coa exposición Unha foto, un poema. Durante as festas contaremos con artistas que cantan e crean en galego, como The Rapants, Ailá ou Señora DJ, así como contacontos ou circo para a rapazada onde o galego será a lingua vehicular.
É un cartel dividido por franxas de idade?
O programa está pensado para que todas as idades se sintan representadas. Hai espectáculos infantís ao abeiro da proposta Parque Activo da Biblioteca municipal, con música, xogos e contacontos; propostas para o público novo como o Festival A Fraga con The Rapants, para un público maduro co concerto tributo a Mecano verbenas con orquestras máis tradicionais, e actividades culturais como o festival folclórico internacional que recollen tamén o sentir das persoas maiores.
Cóntase cos artistas locais para as festas?
Por suposto. A Escola Municipal de Baile Moderno, a Rondalla Vila das Pontes, A Escola Municipal de Acordeóns, a Banda Municipal de Gaitas, a Escola de Baile Galego a Banda Cultural e Recreativa das Pontes, a Coral das Pontes, os grupos de música tradicional No Cómbaro, Canavella, os Trevillas, tamén contamos co grupo Os Feroces da Galgueira e o grupo Nimbos no Festival A Fraga, sen esquecer a deseñadora do cartel anunciador da festas do Carme e a Fraga 2025, Laura Decibreiro. No noso programa queremos poñer en valor e dar a coñecer o talento da nosa xente.
Como se escolle o cartel?
A escolla do cartel é unha decisión consensuada desde a área de Cultura, procurando sempre poñer en valor o traballo artístico local. Cada ano apostamos por un artista local para deseñalo, intentando que todos e todas teñan a oportunidade de elaboralo. Este ano confiamos na creatividade de Laura DEcibreiro, autora de moitos carteis de eventos importantes do Concello das Pontes. Laura soubo captar á perfección a dualidade do Carme e da Fraga, co baile como elemento común de celebración. O seu cartel é unha auténtica obra de arte e son moitos as mensaxes que recibimos felicitando á autora e ao Concello pola súa elección. Para nós é un auténtico privilexio poder contar con deseñadores da talla de Laura e o seu compromiso coa nosa vila, facendo de cada proposta gráfica un elemento de orgullo para toda a veciñanza.
Se traballa todo o ano para compoñer o programa das festas?
A organización das festas comeza case cando rematan as do ano anterior. Analízase o que funcionou, o que se pode mellorar, escóllense propostas, contacta coas compañías, artistas e provedores... Despois chega a parte administrativa, a formalización dos contratos e finalmente a parte máis complexa... as propias festas, con todo o persoal de cultura na rúa, supervisando cada unha das actividades que se levan a cabo, pendentes da parte loxística, da artística, de que todo saia ben e facendo fronte a calquera imprevisto, contando sempre coa colaboración dos departamentos de obras, de servizos e de seguridade, departamentos esenciais para garantir o éxito das celebracións. É un traballo constante e colectivo. Desde aquí quero agradecer a todas as persoas implicadas nas Festas do Carme e a Fraga 2025 o seu traballo, a súa implicación e o seu tempo en días que son para estar ca familia e que eles e elas lle dedican ás festas para que todo saia ben.
Como se chegou a escoller este pregoeiro?
Este ano o pregón recae na Escola Municipal de Baile Moderno, como recoñecemento a unha traxectoria de máis 20 anos marcada polo talento, a inclusión, o compromiso social e cultural. É unha homenaxe á figura de Silvia Lamas, primeira profesora da Escola, a Jaime Pablo Díaz, actual director, á memoria de Eva Conde, concelleira de Cultura entre 2007 e 2011, que apostou pola danza, pero sobre todo ao esforzo de todo o profesorado, alumnado e as súas familias que fixeron da escola unha referencia en toda a comarca.
Que significado teñen as festas para As Pontes?
As festas son un espello do que somos: un pobo orgulloso das súas raíces, acolledor, cheo de vida e cultura. Son tempo de encontro, de memoria e de futuro. Un espazo para recoñecernos como comunidade e celebrarnos.
A veciñanza está involucrada e participa?
A implicación da veciñanza, en xeral, e das entidades culturais é esencial para que as Festas do Carme e da Fraga cobren vida e se convertan nunha celebración auténtica e participativa. As entidades culturais e os artistas locais xogan un papel protagonista na programación, achegando talento, diversidade e calidade a cada unha das actividades. Grupos de música tradicional, a banda cultural e recreativa, escolas municipais cultural... traballan durante todo o ano para preparar actuacións que enriquecen o programa e manteñen viva a cultura popular e contemporánea das Pontes. Ademais, un exemplo destacado de colaboración cidadá é a participación da veciñanza na elaboración da alfombra floral, unha tradición emblemática que require esforzo, dedicación e traballo en equipo. Esta actividade, que involucra a persoas de todas as idades, é un reflexo palpable do compromiso dos veciños e veciñas das Pontes coas festas do Carme e a Fraga. Por suposto, a veciñanza non só participa como voluntaria o coas súas propostas artísticas, senón que tamén responde masivamente como público asistente, apoiando coa súa presenza e entusiasmo cada unha das propostas culturais, festivas e relixiosas. Esta implicación fai que o traballo realizado desde o departamento de Cultura véxase recoñecido e valorado e esa e sen dúbida a maior recompensa a meses de desvelos e días de preocupación. O apoio popular tamén se traduce nun ambiente de convivencia e respecto, onde cada actividade vívese con alegría e orgullo, fortalecendo o sentido de comunidade e a identidade local. As Festas do Carme e da Fraga, son para min, un exemplo claro de como o esforzo conxunto de entidades culturais, artistas e a veciñanza no seu conxunto fai posible que cada ano as rúas das Pontes énchanse de música, cor e tradición, consolidando unhas festas que son verdadeiramente de todas e todos.
E a parte relixiosa, segue a ter o mesmo relevo?
Si, a parte relixiosa mantén o seu lugar, con actos litúrxicos como a Procesión Nocturna da Virxe do Carme, moi emotiva, como tamén o é a procesión de subida ou a novena en honra á Virxe do Carme. Son momentos de fe e de lembranza que seguen moi presentes no sentir das festas e que sen elas as nosas festas non serían o que son.

A PROGRAMACIÓN DO RESTO DO ANO
O QUE VEN
Tras o verán seguiremos coa programación cultural do segundo semestre: concertos, exposicións e un ciclo de teatro en galego que estamos xa pechando. Teremos unha cita coa feira de Fungos e Cogomelos e coa música tradicional e celebraremos á patroa dos músicos.
Regresará o cine de estrea, con sesións para público neurodiverso, retomaremos as actividades dos Xoves na Biblio, os clubs de lectura...e as escolas municipais culturais e as asociacións culturais da vila volverán coas súas propostas a encher o Auditorio Municipal Cine Alovi e Casa Dopeso e tamén haberá algunha novidade, “na que trataremos de poñer en contacto ao público pontés con novas propostas culturais e unha oferta musical máis diversa”.
BALANCE
A valoración é moi positiva. As propostas culturais tiveron moi boa acollida, tanto no público adulto como infantil. Tivemos que colgar o cartel de aforo completo en varias ocasións no Auditorio Municipal da man de propostas como o concerto de Elefantes, o concerto de Abraham Cupeiro ou o monólogo de Luis Zahera. Trouxemos propostas menos coñecidas pero que gozaron con favor do publico como foi o concerto de fado de Lina e mesmo acollemos a estrea absoluta da obra Alta Costura de Elefante Elegante cun auditorio municipal case cheo... seguimos apostando polo teatro amador cunha moi boa resposta por parte do público...
O curso 2024–2025 estivo marcado pola continuidade de proxectos consolidados como a Cabalgata de Entroido, a Romaría das Merendas, a Noite Meiga, a Feira do Grelo, a Gala de Maxia de Nadal a introdución de novas propostas como o cinefórum da Biblioteca, o club de lectura de novela negra... e, sobre todo, pola alta participación da cidadanía, que respondeu con entusiasmo e implicación ao conxunto das actividades programadas.
Outro dos puntos fortes foi a intensa colaboración co tecido cultural local, que permitiu reforzar a presenza de agrupacións pontesas nos distintos eventos ao longo do ano. Todas elas tiveron un papel fundamental tanto na programación regular como nos eventos extraordinarios, ofrecendo actuacións de alto nivel e fortalecendo o vínculo entre formación, creación e espectáculo.
CULTURA INCLUSIVA
Durante este curso apostamos pola cultura inclusiva e para todas as idades, coa programación de actividades específicas para público infantil, xuvenil e adulto. Tivemos contacontos, obradoiros creativos, teatro, música en directo, cineforum, exposicións pictóricas, cine de estrea, espectáculos de maxia, monólogos que cubriron un amplo abano de intereses.
O Cine Alovi, Casa Dopeso, a Biblioteca Municipal e o patio do colexio Santa María foron escenarios vivos e dinámicos ao longo de todo o curso, permitíndonos consolidar unha programación cultural diversa, de calidade, participativa e profundamente conectada coa veciñanza. Esta base sólida é a que nos permite afrontar con entusiasmo os retos e proxectos do novo curso a partir de setembro. “Queremos seguir nesta liña: cultura accesible, diversa e feita con e para a xente”.