“As festas son unha data imprescindible para os que compartimos o sentimento de ser vilalbés”
Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba desde fai dez meses destaca as Festas do San Ramón e Santa María como cita imprescindible para todos os veciños e veciñas.
En primeiro lugar, podería facer un balance do Goberno desde que asumiu a Alcaldía de Vilalba?
Levo 10 meses aínda na Alcaldía e facer un balance agora coido que pode ser precipitado. O que si podo asegurar é que o meu equipo e eu levamos traballando dende o primeiro momento a prol dos intereses e necesidades dos veciños, co obxectivo de mellorar a calidade dos servizos que se lles prestan. Dende que asumín a Alcaldía, aprobamos os orzamentos, sacamos a licitación os dous principais contratos do noso concello, que son a recollida do lixo e o servizo de axuda no fogar, abrimos as novas piscinas exteriores da Madalena e púxose en funcionamento o novo tanque de tormentas. En materia de persoal, vimos de aprobar a oferta de emprego público con máis prazas dos últimos anos, temos convocados todos os procesos de estabilización que afectan a unha parte importante do persoal municipal; temos chegado a acordos importantes con outras administracións en beneficio dos veciños de Vilalba... En xeral, o que podo afirmar é que se leva feito moito traballo, cada día, tanto no casco urbano como nas parroquias, e que moitas veces non se percibe, pero é fundamental.
As festas do San Ramón, que camiño seguiron para a súa planificación?
En Vilalba temos un goberno bipartito cunha clara división das áreas de Goberno entre os dous partidos que formamos parte do mesmo, correspondéndolle á área de Cultura, que xestiona Vilalba Aberta, a organización das festas de San Ramón e Santa María. Dende o ano 2019, que o PSOE acadou o goberno en Vilalba ata este ano, as festas foron organizadas sempre dende o Concello, porque así o comprometeramos no programa electoral. Este ano a responsable desta área, de Vilalba Aberta, decidiu que fose unha comisión quen correse coa organización e nós respectamos a súa decisión, como non podería ser doutra maneira. Así, dende as áreas de Goberno do Partido Socialista e eu como alcaldesa estamos colaborando en todo momento coa Comisión de Festas, á que aproveito para agradecer o seu traballo, e fixémonos cargo do alumeado das festas, que será sufragado polo Concello, así como da organización da Xira dos maiores e dos dous días infantís, unha das principais novidades das festas deste ano.
Que significa o San Ramón e Santa María para Vilalba?
As festas de San Ramón e Santa María son as festas de todos os vilalbeses e vilalbesas, unha data destacada no calendario das persoas que compartimos un sentimento tan único como o de ser vilalbés ou vilalbesa. Son días de reencontro, con amigos e familiares que viven fóra o resto do ano e que retornan para celebrar as festas, nos que nos acompañan tamén moitos visitantes, que cada ano gozan tamén da nosa hospitalidade. As festas de San Ramón e Santa María son días de ledicia, de reencontros, de desfrute. Iso sempre é o mellor das nosas festas: os momentos gozados con amigos e familia e que quedan no noso recordo. Ademais, as festas son un revulsivo económico para a nosa hostalería e comercio, xa que son moitas as persoas as que se van achegar á nosa vila durante estes días.
Como lembra as festas de nena de hai anos?
Como calquera veciño ou veciña de Vilalba, gardo grandes recordos das festas de San Ramón e Santa María sendo nena. Recordo a ilusión dos días previos ás festas, cando iamos mirar que atraccións se montaban, ou a ilusión de abrir o libro das festas de cada ano para ver o programa. Recordo a primeira vez que montei na nora, aínda diante do Centro Cultural, ou cando meus pais me conseguiron unha chochona na tómbola, ou un ano que me mercaron un globo de helio e escapou voando... Nos meus 41 anos nunca me perdín as festas de San Ramón e Santa María e podería contar moitas historias.
Como foron cambiando ata o día de hoxe?
As festas mudaron moito dende que eu as recordo; dende a localización do feiral, que antes era ao pé da Casa do Concello, á duración das mesma, xa que antes comezaban o día 30 e remataban coa feira. Fóronse engadindo citas tan consolidadas como o Día da Bicicleta ou a festa infantil.
Como cre que van ser estas festas?
Cando nos chega o programa das festas, o libro aquí en Vilalba, sempre nos afanamos en mirar que orquestras van vir e xa facemos unha valoración positiva ou negativa das mesmas. Porén, se botamos a vista atrás, darémonos conta de que o importante das festas son as persoas e os momentos vividos, e estou segura que nesta edición iso non vai faltar.
Cre que os veciños están contentos con esta nova edición?
Dado que para min, das festas, quedan os bos momentos, as anécdotas, as vivencias e todo iso está por vivir, cando pasen as festas será o momento de facer valoración das mesmas.
Con respecto ao Goberno local, de que proxecto se senten máis orgullosos neste ano?
Durante este ano finalizamos dous proxectos importantes: o pozo de tormentas, unha inversión importantísima e que permitiu rematar coas verteduras ao río Madalena, e por outro lado a apertura das piscinas ao aire libre, que están tendo unha magnífica acollida tanto entre os veciños de Vilalba como entre os visitantes.
Que queda por facer neste ano?
Estamos a traballar en todo o que ten que ver co ciclo da auga, pois é un problema que arrastramos historicamente e precisamos mellorar tanto a captación como o tratamento. No anterior mandato firmouse un convenio coa Confederación Hidrográfica por un importe de máis de tres millóns de euros, polo que se puxo en marcha o tanque de tormentas, para rematar cos verquidos ao río Madalena; e o noso obxectivo é impulsar agora unha mellora na captación. Necesitamos, ademais, acometer a instalación de decantadores na estación potabilizadora para solucionar o problema recorrente de que cando chove moito, a auga enloda ou aborda o saneamento de Plácido Peña. Todo o que ten que ver co ciclo da auga precisa a colaboración doutras administracións: xa mantivemos dúas reunións con augas de Galicia, solicitamos o PERTE da auga, ademais de solicitar unha ampliación do convenio coa Confederación Hidrográfica. Hai moitos proxectos nos que estamos traballando, sendo fundamental para nós a mellora dos servizos públicos, como o lixo, que estamos en pleno proceso de licitación e que vai supoñer unha mellora substancial deste servizo. Tamén, con respecto a proxectos de obra, vimos de recibir a resposta favorable á prórroga do prazo para acometer a reforma da casa do Concello por máis de 1 millón de euros de fondos europeos, estamos a punto de comezar as obras do punto de atención á infancia, estamos mellorando varias infraestruturas deportivas, temos tamén pendente a mellora do parque infantil da Rúa da Emigración, entre outros.
Que necesidades ten o Concello por resolver durante a lexislatura?
É fundamental mellorar os servizos públicos, e niso estamos traballando, sobre todo na recollida do lixo e o ciclo da auga, que son dous temas pendentes no noso Concello. Os concellos temos unha importante limitación, que é o financiamento. No noso concello, por exemplo, temos un servizo de axuda no fogar con máis horas que Santiago, e iso representa 3,4 millóns, que é un terzo do orzamento de 11.500.000 euros, o que fai que a nosa capacidade económica estea moi limitada, dependendo para moitas cuestións das achegas doutras administracións. Neste sentido, xa temos pedidas reunións con distintos departamentos da Xunta porque é a Administración que ten a maior capacidade de investimento, pero non está a ser moi xenerosa con concellos onde non goberna a súa cor política, singularmente con Vilalba. Levamos catro anos con investimento cero. Non me vou cansar de chamar á porta, coa esperanza de que alguén a abra do outro lado.