As festas volven a todos os puntos da comarca esta fin de semana
Un gran número de localidades celebran esta fin de semana as súas festas patronais.
ABADÍN
A parroquia de Labrada, en Abadín, celebra esta fin de semana as súas festas patronais na honra a San Antón.
Estas darán comezo o sábado 11 coa misa á 13.00 horas seguida de procesión e sesión vemú co dúo Elexir. E xa pola noite volve Elexir e o dúo Calú.
O domingo repetirase programación matinal con misa ás 13.00 horas e sesión vemú co grupo Alba de Pontevedra, sesión coa que se darán por concluídas as festas.
A organización lembra que haberá carpa no campo da festa.
A PASTORIZA
A parroquia de San Martín de Covelle festexa a San Antón,. con misa solemne sábado e domingo ás 13.30 horas con procesión e sesión vermú, que o sábado estará ao cargo de Magos e o domingo será a ves de Estéreo. Tamén haberá verbena o sábado pola tarde co Olympus.
Ademais, o día 4 de xullo terá lugar a tradicional comida veciñal na parroquia.
AS PONTES
A parroquia de Gondré, nas Pontes, celebra a fin de semana as súas patronais na honra a San Martiño.
Iniciaranse o sábado, ás 13.15 horas, con misa solemne e sesión vermú co dúo Explosión, o mesmo que se encargará da verbena á noite xunto co dúo Venus.
O domingo, só haberá sesión vermú, tamén co dúo Venus, unha vez finalizado o oficio relixioso, que empeza ás 13.15 horas.
CASTRO DE REI
A parroquia de Prevesos festexa, pola súa conta a San Esteban. A orquestra Trébol será a encargada da tradicional sesión vermú que seguirá á misa solemne e procesión (13.30 horas) o sábado para abrir as festas. E tamén estará na verbena co Trío Orquídea.
O domingo será a vez do grupo Fénix, que amenizará a sesión vermú tralos oficios relixiosos da mañá, e que porá o punto e final á celebración.
FRIOL
A parroquia friolesa de Condes celebrará a fin de semana as súas festas patronais que terá o seu comezo o venres 10 de xuño, ás 22.00 horas cuns petiscos de xamón e pa ceta gratis ao ritmo da música do grupo Unión y Fuerza, que dirixirá a verbena.
O sábado os actos darán comezo ás 13.30 horas coa misa solemne á que seguirá a tradicional sesión vermú a cargo da orquestra Costa.
Pola noite volverá repetir na verbena xunto co grupo Tania Veiras.
O domingo 12 volverá havber musa solemne ás 13.30 horas e sesión vermú co grupo Lume. Este mesmo encargarase da sesión de tarde, entre as 18.30 e as 21.00 horas coa que se porá o punto e final á celebración.
A organización lembra que o campo da festa estará cuberto cunha carpa.
MURAS
O Concello de Muras celebrará a súa tradicional Romería de San Antonio da Xestosa, esta fin de semana coa novidade de que engade un día máis á celebración. Así, as festas dará comezo o venres 10, ás 21.00 horas cunha degustación de produtos do país e, unha hora máis tarde, a proxección da película El Paso de Roma.
O sábado haberá misa solemne ás 13.00 horas con procesión seguida de sesión vermú coa orquestra Enigma e, pola noite, este mesmo grupo acompañará aa Verónica Cambón na verbena.
O domingo, haberá oficio relixioso tamén á mesma hora e sesión vermú con Superglú, que poñerá o punto e final a tres días de celebración.
Nesta romería, que se celebra ininterrompidamente dende hai un século, haberá poxas os dous días, sendo un dos poucos lugares de Galicia onde se conservan.
RIOTORTO
Tamén será a vez de Aldurfe, parroquia de Riotorto, que festexa a San Pedro. O día grande será o sábado con misa solemne ás 13.45 horas, procesión e sesión vermú coa orquestra Estrella Mar. E pola noite non faltará a verbena na que repite Estrella Mar xunto ao dúo Eclipse.
O domingo tamén haberá misa ás 14.00 horas e sesión vermú co dúo Epo-K. As festas prolongaranse ate o 29 de xuño, cando se celebre unha nova xuntanza con misa ás 14.00 horas, pocesión e sesión vermú cos Adrianos para dar paso á comida popualr no campo da festa.
Venderanse os tickets a un prezo de 25 eruros.
VILALBA
A parroquia de Codesido, en Vilalba, organiza esta fin de semana as súas festa patronais na honra de San Antón e San Martiño.
As celebracións darán comezo o sábado 11, ás 13.00 horas cunha misa solemne seguida de procesión, fogos de artificio e sesión vermú a cargo da orquestra Tokio.
Repetirá esta na verbena, na que estará acompañada polo solista Javi Show.
O domingo, ás 13.00 horas continuarán os oficios relixiosos para pechar as festas coa sesión vermú do dúo La Hora Bruja.
A organización lembra que o campo da festa estará cuberto con carpa.
A parroquia de Noche tamén está de festa na honra a San Antón e Virxe da Candelaria. Arrancará a celebración ás 14.15 horas coa sesión vermú ao cargo de Foliada d'Ases, que estará pola noite na verbena na que actuarán tamén Grupo Jaque.
O domingo será precisamente Grupo Jaque o que peche a celebración coa sesión vermú.
XERMADE
A parroquia de Momán, en Xermade, celebra este sábado, 11 de xuño, as festas patronais na honra a San Antón comezando cunha misa cantada ás 13.00 horas polo coro da Uned Sénior de Momán.
Ao oficio relixioso seguirá unha procesión e sesión vermú coa orquestra Salsarena. E para rematar, xa pola noite, a partir das 22.30 horas, a mesma orquestra amenizará a verbena xunto ao dúo La Hora Bruja.