As foliadas de Castiñeiro Milenario regresan con protagonismo para a regueifa en Begonte

TerraChaXa
A apertura correrá a cargo de Nuria e Xairo cunha demostración de regueifa, tras a cal tomarán o relevo os grupos residentes Foliadeir@s do Castro e Treitoira
foliada-de-inverno-castineiro-milenario
19 Feb 2026

A asociación Castiñeiro Milenario volve organizar unha nova edición da súa Foliada de Inverno, que se celebrará o 28 de febreiro no Centro Sociocultural de Begonte. A cita combinará formación e festa arredor dunha das manifestacións máis singulares da tradición oral galega: a regueifa.

Nesta edición, o obradoiro estará dedicado integramente á regueifa, unha modalidade de improvisación oral na que dúas persoas se desafían publicamente para demostrar quen é máis enxeñosa e máis hábil coa palabra. Trátase dunha sorte de “pelexa de galos” tradicional, cunha fonda raíz histórica e que, aínda que forma parte da identidade cultural galega, conta con expresións semellantes noutras comunidades do mundo, o que lle outorga un carácter case universal.

Durante a sesión abordarase a historia da regueifa, as distintas variedades existentes en Galicia e ofreceranse recursos prácticos para iniciarse na arte de regueifar. O obradoiro será impartido por dúas figuras de ampla traxectoria neste eido, Nuria das Cruzes e Xairo d’Herbón. A actividade comezará ás seis da tarde e terá unha duración aproximada de dúas horas. O prezo de inscrición será de 5 euros para persoas asociadas e de 15 euros para non asociadas. As prazas son limitadas, polo que a organización recomenda formalizar a inscrición a través do correo electrónico castineiromilenario@hotmail.com.

Unha vez rematado o obradoiro, ofreceranse uns petiscos para repoñer forzas antes de dar comezo, arredor das nove da noite, á Foliada de Inverno propiamente dita. A apertura correrá a cargo de Nuria e Xairo cunha demostración de regueifa, tras a cal tomarán o relevo os grupos residentes Foliadeir@s do Castro e Treitoira. A parte oficial da foliada pecharase coa actuación das pandeireteiras Lambe Lambe de Vilalba, para dar paso despois á foliada libre, que se prolongará ata que o corpo aguante.

Desde a organización queren agradecer a disposición dos grupos participantes, así como o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, do Concello de Begonte e da Cervexa Artesá Aloumiña, entidades colaboradoras nesta celebración da cultura tradicional galega.

⚙ Configurar cookies
0.078505992889404