As formigas de San Clodio

TerraChaXa
Érase unha vez.
4
12 May 2018

Érase unha vez.... así comezan todos os contos, e tamén o dunha parroquia de Outeiro de Rei, San Clodio de Aguira, case despoboada pero convertida en conto real, onde as formigas son as protagonistas. Xosé Ramón Rodríguez, gandeiro de 45 anos que nos seus ratos libres decidiu recrear un mundo novo, é o responsable desta iniciativa.

Para chegar, as sinalizacións oficiais ata a parroquia marcan o camiño, pero Xosé Ramón fixo un cartel adaptado á súa singular aldea chamada Érase unha vez. Neste mundo baseado en formigas hai todo tipo de situaciós, formigas que van á escola, formigas que controlan a velocidade e fan controis de alcoholemia, hai sinais, vehículos, xoaniñas, cempés e moitas cousas máis.

Igual que a sorpresa que se atopa tras o túnel que fixo coa corte vella das vacas, unha habitación cunha decoración de troncos pintados e pedras brancas, na que no seu interior agocha un magnífico tesouro, hai moitas outras novidades. Tamén creou outro habitáculo con troncos e plásticos, onde as grandes fiestras deixan ver a espectacular vista do campo e do rural, ademais de estar quentiña xa que instalou unha estufa.

Gracias a esta idea a aldea vai recobrando máis vida, xa que empeza a ter visitantes e excursións escolares para ver como é aquel mundo.

Para Xosé Ramón, o importante do conto é reciclar, e darlle unha segunda vida os obxectos, sen necesidade de mercar cousas novas. Así ideou este espazo tan peculiar, con materiais que tiña pola casa e cos que lle leva a xente. Todas as figuras están feitas con materiais reciclados, como plásticos dos silos, latas, bidóns... E con esta idea de segunda vida dos materiais, é normal que a Xosé Ramón lle sigan xurdindo novas ideas e proxectos. Así que a este conto parece que aínda lle falta para poder escribir aquilo de “... colorín colorado este conto está rematado”.

 

1
2
3
5
6
0.17005109786987