As gañadoras do Vilalba FS foron recibidas no Concello durante unha festa multitudinaria

TerraChaXa
O acto contou coa intervención da alcaldesa, Marta Rouco e o presidente do Vilalba FS, Álvaro Fraga, para finalmente concluír coa saída das xogadoras ao balcón da Casa Consistorial
recepcion-vilalba-fs-ascenso1
Recepción das xogadoras do fútbol sala feminino no consistorio
19 Maio 2024

O Concello de Vilalba volve estar de celebración e esta vez as protagonistas son as xogadoras do equipo sénior feminino do Vilalba Fútbol Sala, que veñen de converterse no día de onte en campioas da Liga Preferente Feminina, o que as leva a debutar a vindeira tempada na Segunda División Nacional do fútbol sala feminino.

Un ascenso histórico co que o Concello de Vilalba quixo ter o correspondente recoñecemento, polo que convocou ao equipo, ás familias e a todas as vilalbesas e vilalbeses a celebrar o ascenso das xogadoras na mañá de hoxe na Casa do Concello.

Así, as protagonistas do ascenso, acompañadas polo equipo técnico do Vilalba FS, a directiva, as familias e os afeccionados, foron recibidas na mañá de hoxe no Concello de Vilalba, onde ademais da alcaldesa, Marta Rouco, e a Concelleira de Deportes, Paula Vigo, tamén estiveron presentes representantes das catro forzas políticas que conforman a corporación municipal na actualidade.

Durante o acto, que se desenvolveu no Salón de Plenos da Casa Consistorial, a alcaldesa, Marta Rouco, agradeceu ás xogadoras "o voso esforzo e dedicación para chegar ata aquí" e aproveitou para "animarvos a que sigades loitando polos vosos soños e rompendo barreiras como fixestes ata agora".

Así mesmo, a rexedora vilalbesa salientou "a figura de exemplo que representades para as novas xeracións vilalbesas e para todos os nenos e nenas que agora mesmo se atopan nas bases do equipo de fútbol sala", facendo fincapé ademais "na importancia de apoiar o deporte e de apoiar o deporte feminino".

Pola súa banda, tamén o edil popular e presidente do Vilalba FS, Álvaro Fraga, aproveitou para felicitar ás súas xogadoras, recoñecer o seu éxito e facer honra ao seu hastag "#Vilalbaquerefutsal".

Finalmente, o Concello agasallou ao Vilalba FS cunha figura de Sargadelos para conmemorar o seu éxito, e á súa vez a rexedora recibiu por parte do equipo de fútbol sala unha camiseta da segunda equipación e unha bufanda para seguir dando folgos ao equipo vilalbés.

E para concluír o acto, as xogadoras e o equipo técnico do Vilalba FS saíron ao balcón da Casa do Concello para celebrar o seu ascenso e amosar a copa que representa o seu logro ás familias e afeccionados que se achegaron ata á Praza da Constitución, onde, unha vez rematado o acto oficial, continuou a festa cunha sesión vermú para celebrar este gran fito do fútbol sala feminino vilalbés.

0.19705200195312