“As historias e os personaxes son reais case ao cento por cento”

LugoXa | TerraChaXa
O lugués Jordi Cicely vén de publicar ‘El verano que volvió Sherezade’, a segunda novela da trioloxía que ten prevista sobre diferentes trastornos
jordi-cicely-otra
14 Dec 2025

Fálenos do que atoparemos en El verano que volvió Sherezade.

A historia de Sherezade é unha historia de verán con recordos nostálxicos, iluminados con moita luz, e que nesta ocasión se transforman nunha segunda oportunidade de volver vivilos. Pero, como todo verán, tamén trae nubes grises; neste caso, o tema do TOC (Trastorno Obsesivo Compulsivo) que padece o protagonista, o meu alter ego, e que eu mesmo padecín durante moitos anos. Fala tamén de como as imaxes idealizadas do pasado nos xogan malas pasadas, como ocorre cos amigos e amigas que a vida foi separando e que, ao volver velos, descobres que xa non compartes nada.

Canto tempo lle levou escribila?

Levoume tres anos longos. Son un escritor que tarda moito en escribir; só o fago cando teño inspiración, como unha ansiedade creativa. Cando aparece, póñome a escribir, e logo, tras iniciar esa emoción, a cousa acompáñame durante un tempo e non paro. Despois volvo deixalo. Así escribo eu: por impulsos. Por esa razón tardo tanto. Ademais, os temas que trato son moi intensos, emocionais, e ás veces prodúceme bastante dor e non estou preparado para escribilos. Son unha persoa moi proteccionista, case enfermiza, aínda que isto conseguín atallalo coa terapia e agora non me esixo tanto. Ás veces tardo máis en cambiar, corrixir e decidirme a enviar o manuscrito á editorial que en escribilo.

Fálenos un pouco do que atoparemos nesta obra.

Intentei facer un conto de verán ao estilo da Nouvelle Vague francesa de Rohmer, inspirado en filmes como A coleccionista, Pauline na praia ou Conto de verán, e creo que o conseguín. Ademais, hai temas con tintes grises, como o TOC, as decepcións, a obsesión, a incerteza… Todo isto pasou pola miña cabeza nunha etapa da miña vida e quixen plasmarllo así. Logo tamén hai outras cousas máis doces, como a luz, a paixón, a ilusión, os reencontros, o descubrimento dunha persoa. Esta historia é unha viaxe interior de alguén que estivo moi mal e que agora, por primeira vez, sae ao exterior a respirar esa brisa suave que sempre estivo aí pero que non podía sentir. É un retorno á vida que se escapou entre as mans por unha decepción sentimental e que, grazas á aparición dunha figura chamada Sherezade, agora pode comprobar como está.

Está ambientada en Friol? Por que esta localidade?

Sempre quixen facer unha historia do meu pobo. Ademais, a maior parte dos recordos dun verán no río, paseando en bicicleta, cos amigos e amigas de aquí para alá, están aí. Son imaxes daqueles doces anos noventa, onde a música invadía as nosas vidas de adolescentes e non había outra preocupación. Unha volta á inocencia en estado puro. Esta imaxe bonita e nostálxica é o que é para min o meu pobo de Bedús (San Pedro de Vilalbite). Sherezade reúne todas estas emocións porque tamén é Friol. Pero cando se fala de sexo, paixón e festa, iso non ocorreu en Friol. Eramos moi aburridos, ás veces penso que demasiado para a idade que tiñamos. Esta parte máis adulta sácoa das miñas vivencias en Ribadeo, con outra pandilla máis interesante, que me aportaba máis en todos eses ámbitos. Logo as festas alí eran tremendas; creo que nunca poderei contar todo o que pasou nelas, o que vivimos… Teño que dicir que cos colegas de Friol manteño amizade; o resto non me interesan para nada. Eu pasei a outro estilo de vida e quedáronse atrás. Pola contra, cos de Ribadeo é totalmente distinto: sempre me aportan algo novo, e iso agradézoo. Encántame estar con eles. Con eles perdín a inocencia.

A primeira novela publicada, Marianela envenena mis sueños, que teñen en común?

Mariela é unha historia escura, chea de intranquilidade, nerviosismo, cunha ansiedade esaxerada; o protagonista non desfruta a vida que ten diante porque a dor pola marcha de Mariela é enorme. Pola contra, Sherezade é unha historia luminosa, tranquila por momentos, na que se presenta unha nova oportunidade diante do protagonista, a luz ao final do túnel. En ambas historias o parecido está nos distintos trastornos mentais que sofre o protagonista: nos dous libros arrastra un problema mental; no primeiro, a ansiedade, a hipocondría e o apego; no segundo, o TOC, e ten que loitar e convivir con el. Gústame que nas dúas novelas o fío de unión sexa a dor que deixou a marcha dunha parella; é un tema ideal para contar varios trastornos, en lugares distintos e con persoas diferentes, sen perder a conexión.

Onde se están vendendo e que aceptación teñen as dúas?

Está sendo tremendo. Podo contarche que cando estaba a piques de saír publicada El verano que volvió Sherezade tiña medo porque Mariela envenena mis sueños fora un exitazo tremendo en Galicia. Pero agora, co paso das semanas, creo que Mariela vai quedar pequena ao lado de Sherezade. Creo que isto acontece porque coa primeira novela abrín moitas portas e agora coa segunda había unha expectación que se confirmou tanto en críticas boas como en grandes vendas. É curioso porque agora se está volvendo vender Mariela envenena mis sueños, e creo que se conseguiu isto porque, aínda que non é unha continuación, si están conectadas.

De que se nutre para crear os personaxes e as historias?

Gústame esta pregunta. As miñas historias son reais case ao 100 % e os personaxes que aparecen nelas tamén. Claro está que logo cambio os nomes para que non sexan recoñecidos; así facía Jack Kerouac, o meu gran ídolo literario, e así fago eu tamén. A xente que le tanto os meus relatos como as miñas novelas pensará que estou a esaxerar, pero pouco o fago, non me fai falta. Tiven unha vida emocional moi intensa, creo que debido ao meu trastorno de ansiedade, que me foi levando por camiños cara a xente moi especial e, ás veces, rara, e que agora quero mostrar. Lamentablemente, cando estaba mal tiña relacións tóxicas. Agora a miña vida é moi tranquila en canto a emocións, era o que buscaba durante todo este tempo. Da vida de agora non tería nada que contar, e agradézoo. Sigo facendo cousas que me encantan: compro discos, vou a concertos, viaxo moito, escribo, fago deporte… Todo iso está aí.

Ten algún perfil autobiográfico?

Nas miñas novelas todos son perfís autobiográficos, mesmo os máis escuros e inquedantes. Lamentablemente, pola miña vida pasou xente así, que ao final conseguín derrotar. Houbo persoas que me deixaron, que se marcharon, e aínda que nun principio doeu, ao final saquei algo bo. Creo que non sabería escribir sobre alguén que non pasou pola miña vida. As persoas márcanme ou non para contar algo delas. Pero é curioso: sempre se quedan nesas follas, de aí non saen. Realmente teño moita sorte de ser un escritor realista emocional e saber diferenciar o que quero que estea na miña vida e o que non. E cando digo isto refírome a perfís como Mariela, Sherezade ou a protagonista do meu relato Me fui.

Aínda que tardou en publicar, leva toda a súa vida dedicado ás historias. Como é isto?

Apareceu no momento no que tiña que aparecer. Sempre dixen que son escritor porque fun vivir a Londres, e o aeroporto de Gatwick, onde traballaba, foi o punto de inflexión máis grande que padecín. Estaba no lugar no que quería estar, onde sempre quixera, que era a capital británica. Foi o momento emocional máis grande da miña vida. Tiña que ser aí onde comezase todo, e así ocorreu. Aínda que comecei a escribir coa miña primeira crise de ansiedade, con 27 anos, foi anos máis tarde cando decidín facer da escritura unha parte importante da miña vida: sacar a fóra todas esas cousas que me fixeran dano e que moitas veces tiña escritas e gardadas nun caixón. Sentía que o proceso da escritura como terapia necesitaba mostrarse e, quen sabe, tal vez podía axudar a alguén. Tamén axudou que comecei a gañar varios certames literarios cos meus relatos, a ter moita repercusión en internet, e iso animoume a seguir escribindo e expresándome. Era unha catarse emocional.

Xa hai na cabeza unha terceira historia?

Cando comecei, quixen que fosen tres libros con tres trastornos mentais e que as protagonistas fosen tres rapazas distintas en lugares diferentes, pero todas co nexo común da marcha de Mariela. Creo que a que falta será a mellor de todas en canto a emocións e, sen dúbida, a que máis me impacienta comezar agora que as dúas anteriores foron un gran éxito literario. Realmente téñoa moi pensada e iso anímame moito a comezala.

Como escritor, como se definiría?

Sempre quixen ser un escritor cunha gran influencia da Beat Generation, con historias reais, espidas e directas, contadas da mesma maneira que facía Jack Kerouac. Así que me defino como un escritor de historias intensas, e así quero que se me recorde sempre.

⚙ Configurar cookies
0.089901924133301