As investigacións na Cova do Rei Cintolo deparan interesantes novidades

TerraChaXa | AMariñaXa
As investigacións na Cova do Rei Cintolo deparan interesantes novidades. Dende o Concello insistese na súa posta en valor.
PlenoExtraordinario06072020
17 Nov 2020

O director do proxecto de investigación “Rei Cintolo, Obxectivo 11.000”, o doutor Marcos Vaqueiro, acaba de presentar a memoria do traballo de investigación levado a cabo na cova ao longo deste ano. Destaca a colaboración da Federación Galega de Espeleoloxía e do Concello de Mondoñedo, do que di “que está apoiando incondicionalmente este proxecto dende o minuto cero”. Dende o propio Concello se insiste en que a súa aposta pola posta en valor da cova vén de moi atrás e está garantida de cara ao futuro, porque constitúe un recurso arqueolóxico e turístico fundamental para atraer turismo ao municipio.

O traballo efectuado na cova no marco do citado proxecto ten por obxectivo principal elaborar un estudo topográfico e morfolóxico. Participan 37 espeleólogos galegos, de diferentes grupos, adscritos maioritariamente á Federación Galega de Espeleoloxía. Tamén se levaron a cabo traballos de monitorización da temperatura da cova nas súas zonas máis profundas. Tamén se estuda a rede de drenaxe baixoterreña. Leváronse a cabo análises das augas.

Segundo se indica na memoria, un dos feitos máis relevantes da campaña foi a localización de diversos restos óseos en diversas pasaxes e niveis da cavidade. Atopáronse restos animais a máis de 49 metros de profundidade e máis de 223 da actual entrada da cova. Os datos preliminares apuntan á presenza de oso pardo nos niveis máis altos da cova, hai uns 9.000 anos. Ata o momento non se coñecía fauna na cova de máis de 7.500 anos.

No Concello mindoniense ratifican unha vez máis o seu total compromiso coa promoción da cova, porque “é un dos principais reclamos turísticos da cidade e seguiremos a traballar para impulsala”. Nesta liña, o Concello asumiu iniciativas como a construción dunha pasarela de madeira respectuosa co medio ambiente para facilitar aos turistas o paso a este enclave, así como a firma dun convenio coa Federación galega de Espeleoloxía que permitiu mellorar o horario e unha maior flexibilidade de acceso á cova.

Dende o goberno municipal se indica que Mondoñedo suma, grazas á Cova do Rei Cintolo, o atractivo de destino turístico científico. Hai que recordar que esta cova ten a distinción de Destino Turístico Científico coa certificación Observer@ .

O Concello de Mondoñedo, seguindo a súa liña de promoción da cova do Rei Cintolo, acolleu coa mellor disposición a proposta da Federación Galega de Espeleoloxía para a creación do Espeleoparque da Mariña.

 

0.093217134475708