As irmás Purriños regresan do certame de Cualificacións con novos recoñecementos para Vilalba e Lugo

TerraChaXa
Xunto a estes premios, as dúas fotógrafas regresaron tamén con outras obras distinguidas con 14 méritos, ampliando o palmarés
premios-irmas-purrinos
27 Feb 2026

Vilalba e Lugo volven estar de noraboa tras a participación das irmás Purriños, Inma e Yolanda, no recente certame de Cualificacións, do que regresaron cargadas de recoñecementos e emocións polo traballo realizado.

Inma Purriños logrou situarse entre os finalistas do prestixioso premio Obxectivo Ouro, un galardón que concede a Federación Española de Profesionais da Fotografía e da Imaxe (FEPFI) aos cinco autores que maior puntuación acadan no conxunto das súas obras presentadas. A fotógrafa conseguiu así posicionarse entre as participantes con mellor valoración do certame, consolidando a súa traxectoria profesional.

Ademais, ambas as dúas profesionais formaron parte da Colección de Honra con algunhas das súas creacións. Inma acadou este recoñecemento con tres obras, mentres que Yolanda foi distinguida cunha, sumando así un novo éxito conxunto para o estudo fotográfico.

Xunto a estes premios, as dúas fotógrafas regresaron tamén con outras obras distinguidas con 14 méritos, ampliando o palmarés nunha cita de referencia no ámbito da fotografía profesional.

As irmás Purriños quixeron compartir a satisfacción por estes resultados e agradecer o apoio recibido, destacando a importancia de dar visibilidade aos logros acadados no eido artístico e profesional.

0.12061190605164