As lucenses reivindicarán a igualdade este 8M a través da música en directo, o humor e a palabra

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A música en directo, os monólogos e conferencias protagonizan a programación para este 8M, que está a ultimar a Deputación de Lugo.
marisol_morandeira_8m
4 Mar 2024

A música en directo, os monólogos e conferencias protagonizan a programación para este 8M, que está a ultimar a Deputación de Lugo. Trátase dunha serie de propostas “pensadas para todas as idades, con especial foco na mocidade”, qsí o avanzou a deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira. Dende o organismo provincial manteñen un compromiso claro en materia de igualdade. “Ao longo destes anos déronse pasos a favor da igualdade, pero non son suficientes. Debemos ir moito máis aló e consideramos que as administracións públicas temos que estar plenamente involucradas neste camiño”, valorou Morandeira.

A programación arrancará este venres, 8 de marzo, coa celebración das I Xornadas Feministas= Igualdade, no salón de actos da Deputación. Coa intención de crear un encontro para o debate, a reflexión e a concienciación, mulleres referentes nos seus ámbitos profesionais abordarán cuestións de plena actualidade. nesta xornada está prevista a asistencia de alumnado de institutos da provincia porque consideran que “a educación en igualdade é un motor de transformación esencial para avanzar cara unha sociedade máis xusta”.

O formato dinámico combinará conferencias, música en directo e un monólogo e a xornada desenvolverase ó longo de toda a mañá. A participación será gratuíta, aínda que será preciso inscribirse previamente enviando un correo electrónico á dirección: protocolo@deputacionlugo.org Aceptaranse as inscricións ata completarse o aforo. Tras a inauguración, que empezará ás 9.30 horas e correrá a cargo do presidente da institución provincial, José Tomé Roca, a xornada arrancará cunha mesa redonda arredor da importancia do feminismo nas políticas públicas. Participarán a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos Fondo; a presidenta do Foro Feminista de Lugo, Carmen Simón, e a Deputada de Muller e Igualdade e Alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira.

Conferencias sobre igualdade e violencia sexual

Seguidamente, a partir das 10.45 horas, terá lugar a conferencia de Altamira Gonzalo Valgañón, que leva por título Feminismo é igualdade. Altamira Gonzalo é unha xurista feminista de Zaragoza que está especializada en Dereito de Familia e en Dereito Comunitario pola Escola de Práctica Xurídica da Universidade Complutense de Madrid. Altamira Gonzalo asumiu diferentes responsabilidades en organismos en defensa da igualdade e contra a violencia contra as mulleres, como no Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero, o Instituto da Muller de Castela A Mancha ou o Instituto Aragonés da Muller.

Ás 12.30 horas a socióloga e investigadora Silvia Fernández Freire, con  máis de 20 anos de experiencia investigando sobre a violencia sexual, ofrecerá a conferencia O marco feminista da abolición da prostitución. A xornada rematará ás 13.30 horas coa cómica e dramaturga feminista Patricia Sornosa, que ofrecerá o monólogo Desapareza aquí, demostrando a súa arte de utilizar o humor combativo para loitar contra o machismo e romper estereotipos e roles. O punto musical traerao a cantautora Sheila Patricia, unha muller referente da nova canción de autora en Galicia, “cun estilo moi persoal, feminista e ecléctico”.

Concertos Con Voz de Muller

A Deputación de Lugo organiza tamén o ciclo de concertos Con Voz de Muller, que botou a andar a organizar no ano 2022 e que pretende achegar aos concellos da provincia música en feminino. En total, serán catro actuacións musicais gratuítas todos os sábados que quedan deste mes de marzo, ás 20.00 horas.

O vindeiro 9 de marzo Zoelas actuará na Casa da Cultura de Antas de Ulla, mentres que o 16 de marzo Agoraphoia, actuará na Casa da Cultura de Burela. Pola súa parte, o 23 de marzo Susana Seivane ofrece un concerto na Escola Habanera de Guitiriz e o 30 de marzo Cantar Delas actuará no Salón de Actos Municipal dos Chaos da Fonsagrada. Son concertos pensados co obxectivo de sensibilizar, de romper estereotipos e de favorecer a visibilización e o empoderamento feminino a través da música de mulleres con voz propia que cantan e expresan os nosos dereitos a través da música.

Por outra parte, tamén organizan un conxunto de actividades arredor do 8-M nos 9 centros de Atención a maiores que ten en funcionamento. Unha das actividade centrais consistirá na elaboración duns atrapasoños, que se difundirán polas propias vilas co lema Ponte nos nosos pés. “Unha acción transversal cos colexios, institutos, centros de saúde, comercios e veciños e veciñas, e cun carácter interxeracional, implicando a persoas de toda as idades”, subliñou a Deputada. A maiores, haberá actividades propias de cada unha das residencias, como coloquios, gravacións de vídeos e exposicións fotográficas.

 

 

0.20614981651306