As mozas do TDM contan os seus partidos por vitorias
Nova xornada dedicada ao tenis de mesa no pavillón Mato Vizoso que deu comezo disputándose a segunda concentración da segunda nacional feminina entre o grupo norte e o grupo sur, onde o Tdm Vilalba conta co equipo Sanjurjo Moda, que venceu en todos os seus partidos impoñéndose por 3-0 ao Monte Porreiro Promesas, tamén por 3-1 ao Ad Zas Restaurante Soneira e por 3-0 ao S. D A Baña. Isto lles fai seguir mantendo a primeira posición na táboa clasificatoria. A próxima concentración tamén será en Vilalba o día 17 de marzo.
Nas categorías masculinas o equipo de terceira nacional, o Basanta Souto, perdeu por 4-0 ante o Ribadeo Carneros, onde os visitantes foron xustos vencedores.
En segunda galega escapou a vitoria por moi pouco nun partido moi igualado. O Narón Pena Lopesa impúxose por catro a tres ao Basanta Souto A, os xogadores locais quedáronse con mal sabor de boca por habérselles escapado a vitoria.
O próximo fin de semana non hai liga ao sufrir un parón por disputarse o nacional en Valladolid, pero o tenis de mesa segue en Vilalba coa disputa da concentración da liga de veteranos que enfronta aos equipos de Lugo (dous de Vilalba e dous de Lugo) contra catro da zona sur, dous de Vigo e dous de Cambados.