As mulleres, protagonistas na entrega de premios do certame 'Vilariñas'

TerraChaXa
A Asociación Socio-Cultural Lareira de Soños, a NPG Nova Poesía Guitirica e o soporte dixital
25 Nov 2017

A Asociación Socio-Cultural Lareira de Soños, a NPG Nova Poesía Guitirica e o soporte dixital www.culturaliagz.com farán entrega dos premios do primeiro certame de micropoemas o sábado 2 de decembro ás seis e media da tarde na igrexa dos Vilares (Guitiriz) da man de tres mulleres: Sandra Tenreiro, mestra de música e cantautora; Luz Campello (NPG), traballadora social e poeta e Marica Campo, mestra e escritora.

É que, en Galiza, os Haikus toman nome de muller, , en homenaxe ao noso poeta, Xosé María Díaz Castro, nado no Vilariño, Os Vilares. Pepe do Vilariño, como se lle coñecía na parroquia chairega de Guitiriz, foi o poeta das cousas pequenas, das herbas pequerrechiñas da Chaira que enchem de perfume o mundo é desa admiración polas pequenas coisas inspirouse o certame VILARIÑAS e o propio nome dos micropoemas deste concurso.

Os gañadores -Andrea Araújo Alonso (A Guarda) estudante de artes escénicas; Pedro Rielo Lamela (Pontevedra) xornalista da TVG; e Toño Núñez (Navia), mestre- recibirán unhas "Vilariñas" deseñadas pola artista da Costa da Morte Viki Rivadulla e un exemplar coa recompilación das Vilariñas presentadas (máis de 150).

Intervirán neste acto, ademais dos premiados e as persoas que farán entrega, o poeta vilalbés Martiño Maseda (CulturaliaGz), Fátima Fernández (NPG) e o presidente de Xermolos, Alfonso Blanco, depositario do legado do poeta Díaz Castro.

Ao remate do acto, as entidades organizadoras teñen organizado unha "Cea Vilariña" en Guitiriz.

II Certame de micropoesía
As bases da segunda convocatoria do certame de micropoesías galegas con nome propio serán publicadas no mes de xaneiro de 2018.

0.081793069839478