As obras da avenida das Veigas e a rúa Pardo Bazán das Pontes chegan ao seu final

TerraChaXa
Este mércores está previsto o comezo das actuacións de mellora do firme, o que suporá o peche alternativo dos carrís de circulación mentres se executan os traballos
avenida-das-veigas-e-prado-bazan
9 Sep 2025

Os traballos de rehabilitación do firme na Avenida das Veigas e na rúa Pardo Bazán, dúas das principais vías do entramado urbano, encaran xa a súa fase final.

Este mércores está previsto o comezo das actuacións de mellora do firme, o que suporá o peche alternativo dos carrís de circulación mentres se executan os traballos.

As intervencións, cun orzamento de 79.421,08 euros financiados pola Deputación da Coruña, centráronse na rehabilitación superficial e estrutural dos viarios, co obxectivo de garantir unha circulación máis segura, cómoda e eficiente tanto para vehículos como para peóns.

O plan incluíu tarefas de limpeza e preparación das marxes, fresado do firme deteriorado, regularización de zonas deformadas, reparación de fochancas con mestura bituminosa e agora procederase instalación dunha nova capa de aglomerado asfáltico en quente. Ademais, renovarase a sinalización horizontal para mellorar a organización do tránsito.

Desde o Concello das Pontes sinalan que “estas obras forman parte do noso compromiso cunha vila máis segura, accesible e adaptada ás necesidades da veciñanza. Estas actuacións non só melloran a estética e funcionalidade das rúas afectadas, senón que tamén contribúen a reducir o risco de accidentes e a prolongar a vida útil da infraestrutura viaria”.

⚙ Configurar cookies
0.16375494003296