As obras da avenida Terra Chá de Vilalba finalizarán en novembro

TerraChaXa
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou o investimento da Xunta de 650.
image_gallery
20 sep 2019

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou o investimento da Xunta de 650.000 euros nas obras de mellora da seguridade viaria da Avenida Terra Chá de Vilalba, que estarán rematadas e a disposición dos veciños en novembro.

Vázquez Mourelle supervisou a marcha destes traballos nesta rúa de titularidade municipal que se executan con financiamento autonómico. As obras, cuxo grado de execución supera o 50%, implican unha mellora significativa da seguridade viaria de todos os usuarios e tamén unha mellor accesibilidade para os veciños que se desprazan a pé, segundo salientou a conselleira.

Explicou que esta intervención se enmarca no convenio de colaboración técnica e financeira asinado en xaneiro pola Xunta e o Concello, para favorecer a mobilidade na travesía urbana da antiga estrada LU-126, transferida á Administración local no 2010.

No marco dese acordo, a Xunta comprometeuse a cooperación na mellora desta travesía que comunica o centro da vila coa estrada de saída cara a Meira para incrementar o nivel de servizo aos usuarios e reforzar a súa seguridade. Pola súa banda, o Concello de Vilalba foi o responsable de aprobar o proxecto de execución desta actuación, así como o encargado de contratar as obras e tamén de levalas a cabo, como está a facer nestes momentos.

Os traballos nesta vía municipal contemplan a colocación dun treito de novo colector de saneamento en preto de 400 metros, pola marxe dereita, desde a rúa Mondoñedo ata o final da travesía. A súa maior capacidade permitirá evitar as filtracións que se viñan producindo na rede actual.

Tamén inclúe a renovación das beirarrúas e a actuar nos bordos de cara a mellorar a accesibilidade e favorecer o tránsito peonil dos veciños, unha parte da actuación que que está moi avanzada.

Unha vez rematados estes traballos, a intervención completarase coa mellora do firme ao longo de algo máis de 1 km desta Avenida da Terra Chá.

A conselleira destacou que a Xunta e o Concello de Vilalba continúan co camiño de colaboración na mellora de infraestruturas viarias iniciadas hai anos. Concretou que o Goberno galego apoia aos concellos para reforzar a seguridade viaria, incrementar a comodidade nos desprazamentos dos seus veciños e mellorar a calidade de vida da cidadanía.

Subliñou a aposta do Goberno galego polo interior de Galicia, polo reequilibrio territorial e polo desenvolvemento económico e social do conxunto do territorio, ofrecendo máis e mellores servizos aos veciños.

Estación de autobuses

Por outra parte, a titular de Mobilidade explicou que a Xunta está a traballar co Concello de Vilalba para buscar unha solución de futuro ao problema da estación de autobuses da vila.

Concretou que esta solución debe atender as necesidades actuais dos usuarios do transporte público en boas condicións e, ao mesmo tempo, buscar outras posibles alternativas de uso para o edificio da estación que lle poñan freo a esa degradación.

Precisou que a empresa concesionaria xa ten instrucións de manter limpa a estación e facer o mantemento necesario, ante o que o Goberno galego está vixiante. Non obstante, sinalou que a terminal ten carencias que se deben á falta de uso, pois son moi poucos os viaxeiros que usan esta estación.

0.19187378883362