As obras da nova Edar de Burela non darán comezo ata 2022
O alcalde, Alfredo Llano, mantivo unha xuntanza en Augas de Galicia para falar da nova EDAR. Os 370.000 euros que aparecen nos orzamentos da Xunta de 2021 van destinados á realización das obras complementarias, que serán licitadas no primeiro trimestre do vindeiro ano. Durante 2021 será licitado tamén o proxecto executivo da EDAR. A empresa adxudicataria disporá de catro a seis meses para telo listo e despois terá que ser revisado pola administración competente. Aínda que a construción da EDAR se podería licitar cara finais de 2021, os traballos non darán comezo ata 2022, de aí que non apareza consignación nos orzamentos da Xunta do vindeiro ano. Iso foi o que lle explicaron a Alfredo Llano na xuntanza desta mañá en Santiago de Compostela.
O rexedor explicou que “non aparecen nada máis que 370.000 euros no orzamento da Xunta de Galicia para o ano que ven, destinados á EDAR, pero me explicaron que hai dous proxectos diferenciados. Un deles é a propia EDAR e outro é a obra complementaria dos colectores e da cantidade de canalizacións que hai que facer para a EDAR. O que figura no orzamento é a obra complementaria dos colectores e, en principio, xa se vai licitar no primeiro trimestre aproximadamente do ano que ven, e polo tanto por iso figura ese orzamento. Por outro lado, a EDAR é outro proxecto diferenciado que agora mesmo está na fase de licitación e a empresa vai redactar o proxecto executivo, pero ten de catro a seis meses para rematalo, aínda que é moi posible que se faga antes. Contando con este tempo, despois hai que revisalo, polo que pensan licitar a obra da EDAR no 2021, pero posiblemente non dera tempo a iniciala. Polo tanto pasaría a iniciarse no ano 2022 e en 2023 culmina o tempo para tela rematada”.
Alfredo Llano subliñou que “estamos interesados en negociar con Costas e con Portos a máxima axilidade para que esta obra non teña atrancos para que comece. Tamén desde o Concello estamos aportando a nosa axuda dentro das nosas posibilidades, e que non haxa ningún tipo de obstáculos para realizar a obra o antes posible. Consideran que se vai licitar a obra posiblemente en 2021 e a execución sería no seguinte ano, polo tanto non se puxo ningún orzamento para esta obra porque primeiro hai que licitala. Iso foi o que me explicaron”.