As Olimpíadas Rurais de Friol presentáronse en Fitur como "turismo auténtico e sostible"

A Xunta de Galicia xunto co Concello de Friol presentaron nunha nova edición de Fitur uno dos proxectos máis emblemáticos e con maior identidade do municipio e do rural galego: as Olimpíadas Rurais de Galicia, unha iniciativa que pon en valor a cultura, as tradicións e o modo de vida do rural galego a través do deporte e a convivencia.
Durante a súa intervención, o alcalde de Friol, acompañado pola Conselleira de Medio Rural da Xunta, destacaron que “o turismo do futuro —e cada vez máis do presente— baséase na autenticidade, na experiencia e no contacto real coas persoas e as súas comunidades”, valores que, segundo subliñou, definen plenamente ás Olimpíadas Rurais de Galicia.
Este evento nace co obxectivo de reivindicar a riqueza cultural, deportiva e emocional do rural galego mediante xogos tradicionais e probas populares que forman parte da memoria colectiva do territorio. Carreiras de sacos, tiro de corda, manexo do sacho, probas de carros ou xogos de equilibrio e destreza conforman unha competición que é, ao mesmo tempo, unha celebración colectiva.
“As Olimpíadas non son só unha competición deportiva; son unha festa aberta a veciños, visitantes, familias e deportistas, na que se comparten tradición, historia e orgullo polas nosas raíces”, sinalou o alcalde.
Friol, coñecido polas súas paisaxes, o seu patrimonio histórico e unha gastronomía de excelencia —co queixo e o pan de Friol como grandes embaixadores—, convértese durante a celebración das Olimpíadas Rurais nun escaparate do rural galego: acolledor, dinámico, sostible e cheo de oportunidades. O evento reúne cada ano por centos de participantes e visitantes, xerando un impacto positivo na hostalería, o comercio local e a proxección turística do municipio.
Desde o Concello remarcouse tamén a importancia do deporte como ferramenta de cohesión social, unión interxeracional e dinamización das aldeas, así como o seu papel crave para mostrar que o rural “non só está vivo, senón que innova, crea e abre novas oportunidades”.
A presentación en Fitur serviu ademais para convidar a institucións, empresas e visitantes a sumarse a este proxecto e contribuír a consolidar as Olimpíadas Rurais de Galicia como un referente a nivel autonómico e nacional.
O alcalde quixo agradecer de maneira especial a implicación da Xunta de Galicia e aos integrantes dos equipos cuxo traballo fai posible a organización do evento ano tras ano.
“Friol espéravos cos brazos abertos para competir, gozar, compartir e vivir unha experiencia única que só o rural galego pode ofrecer”, concluíu.