As Olimpíadas Rurais de Galicia volverán a Friol no mes de xuño


Xa está aberto o prazo para que os equipos se poidan inscribir na segunda edición das Olimpíadas Rurais de Galicia, que será os días 20, 21 e 22 de xuño en Friol.
Despois do éxito acadado na primeira edición, a intención do Concello é seguir impulsando esta cita que consistirá en tres días de xogos tradicionais, deporte, gastronomía, música e sobre todo moita diversión.
Este ano incorporaranse novos xogos, novos equipos e moitas outras novidades.
Cando se presentou a primeira edición explicouse que se considera desde o Concello que Friol é a localización idónea para este evento, xa que, "ademais de ser un concello rural, tamén ten un núcleo urbano marcado, coas instalacións perfectas para organizar este tipo de actividades: piscina, pavillón, campo de fútbol ou espazo para acampada".
Habilitarase unha ampla zona de acampada e unha zona camper para furgonetas e autocaravanas, aínda que cada equipo é libre de xestionar o aloxamento pola súa conta. A comarca de Friol ten capacidade hostaleira suficiente para dar servizo aos visitantes, contando ademais coa cidade de Lugo a 20 minutos en coche para poder dar hospedaxe a visitantes que non o atopen no propio municipio ou nas casas rurais próximas.
Para a primeira edición oficial de Galicia púxose un máximo de 24 equipos, coa idea de ir aumentando cada ano ata un máximo de 48 equipos en futuras edicións.
