As orixes dun certame referencia na Terra Chá

TerraChaXa
Loly Soto é a concelleira que sacou adiante a iniciativa do Certame Literario e relata en primeira persoa como foi
loly-soto-ex-concelleira-de-vilalba
Loly Soto
30 Ago 2024

María Dolores Soto

No Pleno Extraordinario do 7 de febreiro de 1971, sendo alcalde D. Jesús Gayoso Rey, tomei posesión do cargo de concelleira. Meses despois e logo de que o Certame Literario de la Tierra Llana deixara de celebrarse, pensei en volver retomalo. Falei co entón secretario do Concello, D. Carlos Pardo Menéndez, para pedirlle que me asesorara. Díxome que non era posible, porque os alcaldes da comarca deixaran claro que non querían seguir con esta celebración polo custo que lles ocasionaba e pola falta de local onde celebralo. Foi entón cando me xurdiu a idea de crear un Certame Literario do Concello de Vilalba e a idea pareceulle viable.

1975 foi o Ano Internacional da Muller e, por este motivo, o Sr. Alcalde, D. Francisco Roca Agras, no Pleno Ordinario de marzo, propúxome como presidenta da comisión das festas patronais. Todos os membros da Corporación apoiaron a proposta baseándose en que, por ser o Ano Internacional da Muller, tiña que aceptar (o ano anterior, o entón alcalde, D. Vicente Vázquez Peña, fixérame tamén esta proposta, proposta que rexeitei). Pero, nesta ocasión vinme na obriga de aceptar pero coa condición de que me acompañase algún membro da Corporación Municipal. Ofrecéronse para os concelleiros D. José Sanjurjo Lozano, D. Gabriel Cabarcos Prieto, D. Jesús Gayoso Rey e D. Manuel Currás González. Tamén formaban parte da mesma o alcalde, D. Gabriel Cabarcos Prieto, Dona Luz Baamonde Díaz, Dona Mª Jesús Villar Rúa e Dona Mª del Carmen Baamonde Díaz.

Na primeira reunión celebrada cos membros da comisión de festas propúxenlles a idea da creación dun Certame Literario e pareceulles unha excelente idea. O seguinte paso era presentarlle a proposta ao Señor alcalde e así o fixen.

Segundo figura no Pleno Ordinario do 8 de abril de 1975, o punto 6º da orde do día di: “a Alcaldía dá conta desta proposta e a somete a consideración dos concelleiros. A Corporación Municipal, alí presente, manifestou por unanimidade a súa conformidade coa proposta”. Así comenzou a súa andaina o primeiro Certame Literario do Excmo. Concello de Villalba.

Ao día seguinte, a comisión de festas comezou a darlle forma ó proxecto. Pensamos que D. Xosé Luís García Mato, como poeta e como coñecedor dos ambientes literarios, podía axudarnos e que tamén D. Xulio Xiz, pola súa participación en eventos deste tipo, podía sernos útil. Ambos nos asesoraron e encargáronse de confeccionar as bases. En nome tódolos compoñentes daquela comisión de festas, da que fun presidenta, noso máis profundo agradecemento.

Cando me entregaron as bases do certame paseillas ao Sr. alcalde.

Na sesión ordinaria do Pleno de 10 de xuño de 1975, no punto 9 da orde do día di: “Pola Alcaldía dase conta das bases do primeiro Certame Literario do Concello de Villalba, que lle foron entregadas pola presidenta da comisión de festas, organizadora do certame e ás cales dase lectura. O Pleno queda enterado e manifiesta a súa conformidade con ditas bases”.

Na sesión extraordinaria do Pleno do 29 de agosto de 1975 no punto 6º da orde do día di: “...mañá día 30 clausúrase o Certame Literario do Excmo. Concello de Vilalba”.

Aínda o Certame Literario non estaba totalmente consolidado. A súa consolidación definitiva tivo lugar na sesión ordinaria do Pleno do 16 de xuño do ano 1976. No punto 8 da orde do día, rogos e preguntas, di textualmente: “... aberta esta sección intervén a Srta. Soto Rouco que solicita información do Sr. alcalde sobre si, na programación que ten feita a comisión de festas figura a celebración do Certame Literario.

Contesta a Presidencia que a comisión de festas non se compromete a organizalo, xa que son moitos os problemas que teñen.

Intervén novamente a Srta. Soto Rouco, que fai unha exposición de que o certame iniciado o ano pasado debe continuar en anos sucesivos, e neste sentido maniféstanse todos os Sres. concelleiros.
Responde o Sr. alcalde que el tamén está de acordo en que se celebre o certame, pero como a comisión de festas non o organiza debe de facelo o Concello e propón que se encargue disto a Srta. Soto Rouco.
Todos os concelleiros prestan a súa conformidade á suxestión da Alcaldía”. Así, queda creado como Certame Literario do Concello de Vilalba.

Ata o 24 de abril de 1979 data na que cesei como concelleira continuei sendo a encargada de organizar este evento. Despois seguín colaborando cos concelleiros de Cultura durante dúas lexislaturas máis.
Tódolos acordos relacionados co Certame Literario sempre foron aprobados pola unanimidade dos membros da Corporación que asistiron aos distintos plenos.

Todos os membros da Corporación creadora do certame faleceron e, aínda que sexa un recoñecemento póstumo, síntome na obriga e no deber de facer público o meu agradecemento por todo o apoio que de forma incondicional me prestaron. Todos eles implicáronse na creación deste importante acto cultural que enriqueceu e promocionou a cultura de Vilalba e de Galicia.

É de agradecer e valorar que dende entón, as sucesivas corporacións municipais continuaron coa celebración deste Certame Literario, engadindo certas modificación nas súas bases e nos seus premios, ata o día de hoxe, no que quedou como único o premio de poesía. Debido a este traballo continuado ó longo de todos estes anos hoxe podemos celebrar con xúbilo o seu 50 aniversario.

Deséxolle unha longa vida e pido que ano tras ano as sucesivas corporacións se impliquen no crecemento do seu prestixio nos ámbitos literarios.

CONSULTA O RESTO DO PROGRAMA NESTE ENLACE

0.19408702850342