As persoas propietarias de monte das comarcas de Meira e da Terra de Miranda reúnense para esixir solucións fronte á crise forestal

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
Acordaron instar á administración a elaborar “un plan global, que contemple todas as variables” para combater estas pragas
reunion-maderistas-meira
31 May 2025

Máis dun cento de persoas, na súa maioría pequenas propietarias de monte das comarcas de Meira e da Terra de Miranda, participaron este mércores nunha xuntanza celebrada en Meira para abordar os numerosos problemas que afectan actualmente ao monte galego. Tamén acudiron asistentes da Fonsagrada, Castroverde e varios profesores universitarios. A reunión foi valorada como un éxito pola ampla participación e a claridade das conclusións alcanzadas.

Un dos temas centrais foi a grave situación das plantacións de piñeiro, afectadas polas pragas coñecidas como banda marrón e banda vermella. As persoas asistentes advertiron que “as novas plantacións de piñeiro non teñen futuro” e que incluso as xa existentes “acaban esmorecendo e pasmándose, sen valor económico”. Por iso, acordaron instar á administración a elaborar “un plan global, que contemple todas as variables” para combater estas pragas. Demandouse tamén a implicación activa das universidades, “que teñen a obriga de facelo”, e dos serradoiros, que poderían quedar sen materia prima. Sinalouse a necesidade de desenvolver variedades resistentes, como se fai noutros sectores agrarios, e criticouse que “a administración siga subvencionando plantacións de piñeiro, cando claramente está mirando para outro lado”.

Outro asunto de debate foi a moratoria sobre o eucalipto. A xuntanza rexeitou o termo “moratoria”, xa que en realidade se trata dunha disposición transitoria dunha lei que “debe rematar”. A pesar de que a organización presentou unha proposta de comunicado para regular as condicións das plantacións, finalmente acordouse “pedir a fin das prohibicións das plantacións de eucalipto” nas comarcas de Meira (Meira, Pol, A Pastoriza, A Ribeira de Piquín) e da Terra de Miranda (Riotorto, A Pontenova, Trabada). Segundo as persoas participantes, a combinación das pragas que afectan ao piñeiro e a prohibición do eucalipto aboca o monte ao abandono. “Nunha zona coma a nosa, onde moitos propietarios son descendentes de emigrantes, se o monte non ofrece rendemento, vir desde Bilbao para coidalo non paga a pena”, asegurouse durante o encontro. Por iso, pedirase formalmente o fin da prohibición para estas zonas.

Tamén se tratou o problema das taxas municipais aplicadas á corta de madeira. Acordouse esixir aos concellos implicados –Meira, A Ribeira de Piquín, Pol, A Pontenova e Riotorto– o levantamento inmediato destas taxas, que supoñen arredor de 300 euros por hectárea cortada. Sinalouse que “non existen no resto de Galicia” e que o seu destino, o mantemento das pistas forestais, non se xustifica, pois “as empresas madeireiras xa están obrigadas a deixalas en bo estado”. As persoas asistentes comprometéronse a cumprir esa obrigación de coidado das pistas.

En relación ao concello de Riotorto, tamén se acordou reclamar o fin da prohibición de uso das pistas forestais durante seis meses ao ano. Ambas peticións serán trasladadas por escrito nos próximos días.

Outros temas, como as faixas de protección dos núcleos poboados, foron tratados a modo informativo, con exemplos concretos.

A xuntanza rematou cun acordo de adhesión a unha comisión técnica que se constituirá en Castroverde o mes vindeiro. O obxectivo será aportar, ademais da experiencia diaria, argumentos sólidos e ben fundamentados para facer fronte á situación do monte nas comarcas afectadas.

Segundo os organizadores, “foi unha reunión moi participativa, con persoas moi informadas e cunha visión absolutamente clara dos problemas tratados”.

⚙ Configurar cookies
0.70518207550049