As pinturas murais á entrada de Burela van contar cun alumeado

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
1 Nov 2019

O Concello de Burela procederá ao acendido da iluminación do muro de Amarte, na zona do porto, e da fonte do parque de Suafonte. O alcalde, Alfredo Llano, subliña que isto será un atractivo turístico máis para a localidade, algo que debe ser motivo de orgullo para o pobo.

O rexedor burelés explicou que “se vai acender a iluminación das pinturas do concurso Amarte que están na parede do porto, que é un atractivo extraordinario. Con esta iluminación penso que vai ser unha motivación moi boa para ter ocasión de ir ver estas pinturas en horas nocturnas, e ademais que lle dan unha gran singularidade, o que fai atractivo que as visitas ao noso pobo se incrementen, porque toda esa visión nocturna con esas pinturas tan ben feitas penso que chaman a atención a calquera dos nosos visitantes”.

Finalmente será o vindeiro luns, 4 de novembro, ás oito da tarde cando se proceda a acender a iluminación ornamental no peirao do porto de Burela, onde están as pinturas do certame Amarte. Debido a unha serie de axustes técnicos o acendido non puido efectuarse en horas precedentes, tal e como estaba previsto nun primeiro momento. Ao longo dos últimos días realizáronse as probas correspondentes para a súa posta en funcionamento.

Alfredo Llano engadiu que “tamén quero informar aos nosos veciños de Burela que o parque de Suafonte xa está concluído e que se vai programar para que a fonte de seis chorros con luces se poña a traballar, a partir de hoxe, dunha forma regular. Esperemos que guste e sexa empregada porque para iso se fixo, para que vaia moita xente alí e poida aproveitar esa área, xa que ademais de ter esa novidade dos chorros de auga con cores, é unha visión extraordinaria do porto, do propio muro onde están as pinturas de Amarte ou ver o conxunto do litoral da Mariña, que ten unha gran beleza”.

O alcalde pensa que “estas dúas obras son beneficiosas para o conxunto do pobo, engrandece o seu atractivo e ao mesmo tempo penso que debemos estar orgullosos de ter estas actuacións que son boas para o pobo de forma integral”. 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17543506622314