As piscinas de Vilalba pecharon esta segunda tempada con preto de 9.000 usuarios

O Concello de Vilalba fixo balance esta mañá da tempada de verán nas piscinas exteriores da área recreativa da Madalena, inauguradas no ano 2024, que este ano recibiron un total de 8.800 usuarios e usuarias, cunha recadación de preto de 24.000 euros.
A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que estes datos reflicten “o bo funcionamento dunhas instalacións modernas, que non só se consolidan como un espazo de lecer para a veciñanza de Vilalba, senón tamén como un atractivo turístico para os visitantes que se achegan á nosa vila durante o verán”.
Rouco tamén puxo en valor que preto de 700 persoas gozaron das piscinas de forma gratuíta en horario de 12:00 a 14:00 horas, grazas á iniciativa posta en marcha polo Concello para facilitar o acceso ás asociacións inscritas no Rexistro Municipal, “un xeito de abrir as portas da Madalena a colectivos moi diversos que valoraron moi positivamente esta medida”.
O mes de agosto foi o de maior afluencia, con máis de 3.000 usuarios e usuarias e unha recadación próxima aos 10.000 euros, coincidindo cos días de maior calor da tempada.
Respecto ao balance xeral das dúas primeiras tempadas, a rexedora lembrou que o ano pasado, con 15 días máis de apertura, rexistráronse preto de 10.000 visitantes e unha recadación superior aos 27.000 euros. “Ambos balances son moi positivos e poñen de manifesto que as piscinas da Madalena xa forman parte da nosa oferta de ocio estival. O importante é que se manteñen cifras elevadas e unha gran satisfacción por parte da cidadanía”, subliñou.
A alcaldesa aproveitou tamén para anunciar que nas vindeiras datas se iniciarán os trámites para renovar a concesión do bar da praia fluvial, cun contrato que sairá a licitación pública. “Queremos que este espazo sexa un atractivo máis dentro deste enclave natural único, con condicións que permitan ás familias, veciños e visitantes gozar da Madalena especialmente durante o verán”, engadiu.
Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, salientou que este ano se ampliou a zona verde, respondendo ás peticións dos usuarios e usuarias. “Conseguimos que houbese máis espazo dispoñible, maior comodidade e, sobre todo, evitamos colas mesmo nos días de máxima afluencia”, explicou.
O Concello de Vilalba reafirma así o seu compromiso por mellorar e consolidar a Madalena como un espazo de referencia para o lecer, o deporte e o turismo, ofrecendo un recurso de calidade que contribúe a dinamizar a vida social e económica do municipio.