As Pontes abre o martes o prazo de inscrición nas escolas deportivas de adultos
O Concello das Pontes abre o martes, 31 de outubro, o período de inscrición nas escolas municipais deportivas para persoas adultas.
O departamento de Deportes habilitará dúas vías para realizar a inscrición; de forma telemática, a través do correo electrónico do departamento (deportes@aspontes.org), e de forma presencial, no primeiro piso da casa consistorial. Só se admitirá unha solicitude por persoa e as prazas dispoñibles repartiranse ao 50% entre os dous métodos de inscrición.
A inscrición para participar nas escolas de mantemento físico e de ximnasia para a terceira idade realizarase o martes 31 de outubro, a partir das 09:00 horas. A inscrición en pilates e aeróbicrealizarase o xoves, 2 de novembro a partir tamén das 09:00 horas. Non serán admitidas en ambos casos as inscricións anteriores a esa data e hora.
A admisión nas escolas deportivas virá determinada pola data e hora de presentación das presincricións, ata completar o número de prazas existentes. Unha vez cotexados os rexistros de preinscrición, desde o departamento de deportes confirmarase, por vía telefónica, a praza, quedando deste xeito formalizada a inscrición.
Este ano, os grupos quedarán limitados a un máximo de 14 persoas e as clases comezarán o luns, 6 de novembro, e impartiranse no ximnasio de polideportivo municipal. Entre a oferta deportiva atópanse as clases de mantemento físico, os luns e os mércores, en horario de mañá (de 11:00 a 12:00 horas) e en horario de tarde (de 18:00 a 19:00 horas) e os martes e xoves en horario de tarde (17:00 a 18:00 horas)
As clases de ximnasia para a terceira idade impartiranse tamén os luns e mércores en horario de mañá (de 10:00 a 11:00 horas) e os martes e xoves en horario de tarde, de 19:00 a 20:00 horas.
As clases de aeróbic impartiranse os martes e xoves en horario de mañá (de 10:00 a 11:00 horas) e en horario de tarde (de 20:00 a 21:00 horas)
As clases de pilates desenvolveranse os martes e xoves, tanto en horario de mañá (de 11:00 a 12:00 horas) como de tarde, de 18:00 a 19:00 horas. Os luns e os mércores, en horario de tarde, de 19:00 a 21:00 horas.
Como en anos anteriores, en cada clase realizaranse controis de asistencia, dúas faltas de asistencia ao mes, sen xustificar, suporán a baixa na actividade.