As Pontes abre o prazo de inscrición nas escolas municipais culturais
O Concello das Pontes abrirá este xoves, 5 de setembro, o prazo de matrícula nas escolas municipais culturais para o curso 2024-2025.
Entre os días 5 e 12 de setembro, o alumando matriculado no curso 2023-2024 poderá solicitar a renovación de praza nas escolas municipais culturais se completou o curso, con asistencia habitual ás clases, se non ten recibos pendentes ou non foi baixa.
Este ano, ao igual que o ano pasado, a inscrición deberá realizarse, preferentemente, de forma telemática a través da sede electrónica do Concello. Aquelas persoas que non dispoñan de medios ou coñecementos para realizar a inscrición online poderán descargase os impresos na páxina web municipal ou acudir ao Departamento de Cultura, de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas, onde se lles facilitarán os impresos de solicitude de matrícula.
Unha vez rematado o prazo de inscrición do alumando matriculado no curso 2022-2023, o listado de prazas vacantes exporase, o día 18 de setembro, no taboleiro de anuncios do Departamento de Cultura, e abrirase o prazo de inscrición, do 19 ao 25 de setembro, para o alumnado de novo ingreso. A solicitude deberá realizarse, preferentemente, de forma telemática a través da sede electrónica do Concello.
O Departamento de Cultura notificará por correo electrónico ou teléfono a adxudicación de praza, e dará ao novo alumnado as instrucións e prazos para a realización do pago da matrícula.