As Pontes abre o prazo de matrícula nas escolas culturais municipais o 4 de setembro

TerraChaXa
O alumnado do curso anterior poderá renovar a súa praza ata o día 11, mentres que as novas inscricións realizaranse entre o 18 e o 24 de setembro
Escolas-municipais-As-Pontes
8 Aug 2025

O Concello das Pontes abrirá o próximo 4 de setembro o prazo de matrícula nas escolas culturais municipais para o curso 2025-2026.

Tal e como informou o Departamento de Cultura, entre os días 4 e 11 de setembro, poderán renovar a súa praza aquelas persoas que estiveran matriculadas no curso 2024-2025, sempre que completaran o curso con asistencia regular, non teñan recibos pendentes e se inscriban no mesmo grupo do ano anterior.

A inscrición deberá realizarse preferentemente por vía telemática a través da sede electrónica do Concello, tal e como se fixo tamén o ano pasado. Porén, aquelas persoas que non dispoñan de medios dixitais ou non conten cos coñecementos necesarios, poderán descargar os impresos desde a páxina web municipal ou recollelos presencialmente no Departamento de Cultura, en horario de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas.

Unha vez rematado o prazo de renovación, o 17 de setembro publicarase no taboleiro de anuncios do Departamento de Cultura o listado de prazas vacantes. As solicitudes de novo ingreso poderán presentarse entre o 18 e o 24 de setembro. A adxudicación das prazas farase de maneira directa cando non se supere o número dispoñible. No caso de que haxa máis solicitudes ca prazas, realizarase un sorteo público.

O Departamento de Cultura comunicará a adxudicación das prazas por correo electrónico ou teléfono, e indicará ao novo alumnado os pasos e prazos para efectuar o pago da matrícula.

⚙ Configurar cookies
0.16181588172913