As Pontes abre o prazo para participar no concurso de cestas da Feira de Fungos

TerraChaXa
O Concello das Pontes abriu hoxe o prazo de inscrición no concurso de cestas da XXXIII Feira de Fungos e Cogomelos que se celebrará os días 28 e 29 de outubro.
setas cogomelos micoloxia
13 Oct 2023

O Concello das Pontes abriu hoxe o prazo de inscrición no concurso de cestas da XXXIII Feira de Fungos e Cogomelos que se celebrará os días 28 e 29 de outubro.

As inscricións poderán realizarse no Departamento de Cultura, antes da feira, no teléfono 981440344 ou no correo cultura@aspontes.org ata o venres 27 de outubro ás 12:00h (deberán ter confirmación do Departamento de Cultura da inscrición na feira), e o día 29 de outubro na Feira antes das 10:30h.

Para concursar deberán presentarse exemplares dun mínimo de 10 especies distintas de cogomelos silvestres. As  persoas concursantes deberán identificalos e poñer nome nos cogomelos que presenten. Non se empregarán especies protexidas.

As persoas concursantes deberán ter, cando menos, 18 anos que acreditarán presentando o DNI, aquelas da categoría xuvenil deberán ter entre 18 e 25 anos cumpridos o día do concurso (29 de outubro). Cada persoa só poderá  participar cunha cesta.

A presentación a concurso será dende as 09.00h ata as 10.30h na carpa instalada na Rúa Alexandre Bóveda, a partir desta hora, momento no que o xurado comezará a facer a valoración das cestas, non se admitirán máis participantes.

O xurado estará formado por persoas entendidas na materia que valorarán a clasificación, estado e variedade das especies presentadas. Ademais no premio especial atenderase á presentación e exemplares máis raros.

Entre as persoas participantes repartiranse un 1º premio de 400 euros, un 2º premio de 200 euros, n 3º premio de 150 euros, un 4º premio de 100 euros e un 5º premio de 75 euros. Ademais haberá un premio especial xuvenil valorado en 75 euros e un premio especial de 400 euros.

0.081710815429688