As Pontes abre o proceso de participación cidadá para a redacción da Axenda Urbana

TerraChaXa
As Pontes abre o proceso de participación cidadá para a redacción da Axenda Urbana, un proxecto que definirá como será a As Pontes do futuro.
31 Maio 2022

O Concello das Pontes abre o proceso de participación cidadá para a redacción da Axenda Urbana, un proxecto que definirá como será a As Pontes do futuro, os seus espazos e o xeito no que deben funcionar os diferentes sectores económicos da localidade.

Este proxecto abordará os ámbitos económico, social, medio ambiental e urbanístico, facendo da Axenda Urbana das Pontes unha ferramenta transversal de análise, diagnóstico, acción e avaliación para afrontar os retos do municipio, adecuándose ao novo modelo establecido desde Nacións Unidas e dentro do marco de referencia da Axenda Urbana Española (AUE).

Elena López, concelleira responsable da iniciativa destaca que “a consulta pública ten como obxectivo “recoller os desafíos e retos que identifica a cidadanía para o municipio das Pontes durante a próxima década, así como as ideas e propostas polas que entenden que é necesario apostar para impulsar un desenvolvemento sostible, que permita satisfacer as necesidades do presente sen deixar a ninguén atrás, lograr un crecemento económico sostido e sostible e sen comprometer os recursos das próximas xeracións e minimizando os efectos sobre o medio ambiente”.

A participación cidadá canalizarase, principalmente, por medio dun formulario en liña que estará ao dispor da veciñanza no espazo web https://axendaurbana.aspontes.org, no que se pode consultar a principal información referida á elaboración desta estratexia e no que, ademais de información sobre o marco internacional e estatal no que se desenvolve, a finalidade e obxectivos que procura asi como as novidades e avances que se produzan durante a implementación da Axenda. No espazo dedicado á consulta cidadá calquera cidadán achegar as súas ideas e opinións sobre como debe ser o futuro das Pontes.

Elena López, concelleira responsable da iniciativa, anima a toda a veciñanza “a ser partícipe na elaboración deste documento estratéxico que marcará o futuro da nosa vila de aquí ao ano 2030. Trátase dunha ferramenta mediante a cal calquera persoa pode aportar a súa visión para que esta folla de ruta de mellora do municipio integre diferentes perspectivas, sectores e intereses e lograr un modelo de boas prácticas no ámbito do medio ambiente, a mobilidade ou a eficiencia enerxética”

Proxecto piloto

As Pontes é un 120 entes locais españois e un dos nove concellos galegos que elaborarán a súa Axenda Urbana no marco da convocatoria de axudas concedidas polo Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana. Unha elección que en palabras de Elena López responde “ á capacidade das Pontes para elaborar un proxecto piloto transferible a outros moitos lugares de España, debida a súa calidade, singularidade e capacidade exemplarizante”.

Axenda Urbana Española

A Axenda Urbana Española ( AUE) é un documento estratéxico, sen carácter normativo, e por tanto de adhesión voluntaria, que, de conformidade cos criterios establecidos pola Axenda 2030, a nova Axenda Urbana das Nacións Unidas e a Axenda Urbana para a Unión Europea persegue o logro da sustentabilidade nas políticas de desenvolvemento urbano.

Constitúe, ademais, un método de traballo e un proceso para todos os actores, públicos e privados, que interveñen nas cidades e que buscan un desenvolvemento equitativo, xusto e sostible desde os seus distintos campos de actuación.

Esta estratexia de desenvolvemento urbano de carácter integrado articúlase arredor dun Decálogo de Obxectivos Estratéxicos que despregan, á súa vez, un total de 30 obxectivos específicos, e 291 liñas de actuación, poñendo ao dispor de quen estea interesado na súa implementación, un verdadeiro “menú á carta” para que poidan elaborar os seus propios Plans de acción.

Todo iso desde unha ampla visión que inclúe a todos os pobos e cidades con independencia do seu tamaño e poboación, e baixo o triplo prisma da sustentabilidade económica, social e medio ambiental.

0.19869303703308