As Pontes abre unha nova edición do programa integrado de emprego para cen desempregados

O Concello das Pontes, xunto aos concellos das Somozas e A Capela, pon en marcha unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia, unha iniciativa subvencionada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, co apoio do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) e coa cofinanciación dos propios concellos participantes.
Este programa, cunha duración de doce meses, ten como obxectivo principal mellorar a ocupabilidade e favorecer a inserción laboral das persoas desempregadas da comarca, especialmente daqueles colectivos que presentan maiores dificultades de acceso ao mercado laboral e marca un obxectivo de inserción laboral do 42%, consolidando o seu enfoque práctico e orientado a resultados.
A nova edición do programa está dirixida a un total de 100 persoas desempregadas, tanto homes como mulleres, pertencentes a colectivos con especiais necesidades de apoio. Entre os perfís que se priorizarán atópanse persoas con discapacidade, persoas en risco de exclusión social, persoas beneficiarias do tramo de inserción da RISGA, mulleres que acrediten a condición de vítimas de violencia de xénero, persoas migrantes cunha autorización de residencia temporal por arraigamento socioformativo, persoas maiores de 52 anos, mozos e mozas menores de 30 anos con calquera nivel de cualificación, persoas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou da Renda Activa de Inserción, así como mulleres desempregadas.
Ao longo do programa, as persoas participantes recibirán formación e apoio individualizado a través de accións que combinan orientación laboral personalizada con sesións grupais. Trataranse contidos clave como a elaboración de currículum vítae e cartas de presentación, preparación de entrevistas de traballo, habilidades sociolaborais, coaching, intelixencia emocional e motivación laboral. Ademais, o alumnado poderá adquirir competencias profesionais adaptadas ás necesidades actuais do tecido industrial e comercial da contorna, incrementando así as súas opcións reais de inserción.
O orzamento total destinado a esta iniciativa ascende a 175.000 euros, dos cales 140.000 euros son achegados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal, mentres que os 35.000 euros restantes corren a cargo dos concellos das Pontes, Somozas e A Capela.
Como medida de apoio á participación, establecerase unha bolsa de asistencia de 10 euros por cada día que a persoa participe nas distintas accións do programa. Así mesmo, co fin de garantir a conciliación da vida persoal e formativa, cubriranse os gastos de coidado e/ou atención a persoas dependentes, en particular menores de entre 3 e 12 anos, para facilitar a asistencia ás sesións formativas.
Con esta iniciativa, o Concello das Pontes reafirma o seu compromiso coa igualdade de oportunidades, o desenvolvemento económico local e a inclusión social, apostando por políticas activas de emprego que fomenten a capacitación, a motivación e o empoderamento das persoas desempregadas da comarca.