As Pontes acolle a clausura na Universidade Sénior da UDC
As Pontes despediu a cuarta edición do programa de democratización do coñecemento da Universidade Sénior na que participaron medio centenar de veciños e veciñas da vila, organizado pola UDC coa colaboración do Concello, contando con financiamento da Xunta de Galicia.
O acto de clausura do Programa de Formación Universitaria para Maiores, celebrado na Casa Dopeso, contou coa presencia da Directora da Universidade Sénior, Dna. Matilde García Sánchez, e maila Concelleira de Benestar Social, Igualdade, Educación e Xuventude, Tania Pardo Cabarcos.
Tania Pardo sinalou o éxito da iniciativa “que forma parte da aposta que desde ou equipo de goberno facemos pola educación, co obxectivo de que a formación chegue a todas as persoas do noso concello independentemente da súa idade. A través desta acción búscase democratizar o coñecemento, ofrecendo ás persoas maiores de cincuenta anos a oportunidade de formarse e seguir desenvolvéndose no ámbito cultural” expresou a concelleira, facendo fincapé na oportunidade que ofrecen estas clases para que veciños e veciñas cren novos lazos.
O programa formativo articulouse entorno a tres módulos centrados en aspectos relacionados, en primeiro lugar coa Arte e as Humanidades con charlas sobre terapias contra a adversidade, patrimonio tradicional e preindustrial de Galicia e xeoloxía romántica nas Pontes.
O segundo módulo versou sobre Ciencias Xurídicas e Sociais cunha clase sobre cultura e medio ambiente,outra sobre globalización, medio ambiente e poboación” e outra clase sobre tendencias penais de actualidade.
O último módulo, adicado ás Ciencias de Saúde, abordou cuestións como a comunicación xestual, as estratexias para persoas coidadoras de persoas en situación de dependencia e a influencia da actividade física na calidade de vida.
Cada seminario incluíu ademáis unha sesión práctica con visitas a diferentes espazos de interese da contorna así como un obradoiro sobre exercicio físico e un taller no que se simulará un xuízo.
O acto de entrega de diplomas aos preto de 50 alumnos e alumnas de As Pontes que teñen rematado o programa formativo, foi precedido dunha sesión especial, coa Conferencia Cine e Creatividade para Séniors, a cargo de Domingo D. Docampo e Manolo Gómez.
Con este Programa, a Universidade Sénior achegouse un ano mais ás persoas maiores de 50 anos da As Pontes de García Rodríguez, respondendo as súas inquedanzas e necesidades formativas como xa ven facendo desde a súa primeira edición no ano 2018