As Pontes acolle a Copa de España da clase vaurien dende o xoves
O lago das Pontes acollerá do 1 ao 4 de abril a Copa de España da clase vaurien, organizada polo Club Fluvial de Vela das Pontes e a Real Federación Española de Vela, coa colaboración do Concello das Pontes e a Real Federación Galega de Vela.
Xa están confirmada a presenza dunha trintena de barcos procedentes da comunidades de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid e Illas Canarias.
Navegarán no lago das Pontes os actuais campións de España e tamén campións da última Copa de España disputada Francesco Zampacavallo e Carlos Francés (RCN Valencia), os actuais campións galegos Pablo Cabelo e David Fernández (RCN Vigo), Alain Arri e Alexander Díaz ( CN Hondarribia) gañadores da Copa de España 2018 tamén disputada no lago das Pontes, e as tres irmás González Esteban (RCN Vigo), dominadoras durante os últimos anos das categorías feminina e xuvenil.
O Club de Vela Fluvial As Pontes competirá con 5 barcos, 2 en categoría absoluta con Roi García/Noemí Casal e Nano de Andrés/Carlos Lefler; e con outros 3 barcos en categoría xuvenil, Marta Torres/Ana Lefler, Javi Martínez/Nano Torres e Marta Torres/Teresa Cabelo.
A disputa da regata está totalmente rexida polo protocolo xeral de prevención covid-19 da Real Federación Española de Vela, así como o desenvolvemento do mesmo para esta regata en concreto realizado polo Club organizador e aprobado pola Secretaría Xeral para ou Deporte da Xunta de Galicia.
A regata disputarase os días 1, 2, 3 e 4 de abril cos seguintes horarios e actividades:
- 1 Abril: Medicións de aparellos,
- 2 Abril: Competición. Realizaranse 3 mangas como máximo. Primeira saída, ás 15:00 hs.
- 3 Abril: Competición. Realizaranse 4 mangas como máximo. Primeira saída, ás 12:00 hs.
- 4 Abril: Competición e entrega de premios. Realizaranse 3 mangas como máximo. Primeira saída ás 12:00. Entrega de premios ás 17:00 hs.