As Pontes acolle a Copa Galicia de Voleibol

TerraChaXa
As Pontes converterase durante a xornada do venres 4 de xaneiro, na capital do voleibol galego coa celebración, no Pavillón Polideportivo Municipal, da XXXVI Copa Galicia de Voleibol na que competirán sete equipos da elite desta disciplina deportiva.
Rolda Prensa Copa Galicia
3 Xan 2019

As Pontes converterase durante a xornada do venres 4 de xaneiro, na capital do voleibol galego coa celebración, no Pavillón Polideportivo Municipal, da XXXVI Copa Galicia de Voleibol na que competirán sete equipos da elite desta disciplina deportiva.

Durante o acto de presentación desta competición, que contou coa presenza de Jesús Tembrás, Concelleiro de Deporte e Xuventude do Concello de As Pontes, Jose Ángel Luna, presidente da Federación Galega de Voleibol, e Juan Manuel García, presidente do CV Aldebarán San Sadurniño, a tenente de alcalde, Montserrat García, quixo recordar o compromiso do Concello de As Pontes co deporte, “fomentando a práctica de 64 disciplinas deportivas a través do apoio ós clubs locais e as escolas municipais garantindo o acceso á veciñanza á práctica deportiva e fomentando os seu valores tales como o esforzo, a superación, a perseveranza, a igualdade, o respecto, a deportividade ou o compañeirismo, esenciais na vida cotiá”.

Asemade, Tembrás destacou a importancia deste evento xa que se “trata dunha disciplina deportiva que non se desenvolve no noso concello pero esta competición é unha gran oportunidade para achegalo á veciñanza, converténdose nun espacarate e punto de partida para que, nun futuro os nenos e as nenas da vila poidan practicalo. Ademais permítenos amosar, unha vez máis, o respaldo do Concello ós deportes menos coñecidos e ó deporte feminino”.

Pola súa banda, os presidentes da Federación Galega de Voleibol e do CV Aldebarán San Sadurniño agradecéronlle ó Concello de As Pontes a súa colaboración e respaldo para acoller unha competición que reúne ós mellores equipos galegos de voleibol, tanto masculino como feminino, das diferentes categorías nacionais, invitando a toda a veciñanza a gozar da competición e coñecer máis de preto esta disciplina deportiva.

A competición arrincará ás 10.00 horas, coas semifinais femininas, que se disputarán de forma simultánea, e que enfrontará ó Club Voleibol Emevé, equipo que xoga na Liga Nacional, co Aceites Abril CVO, equipo da Primeira División. A outra eliminatoria enfrontará a dos conxuntos da Superliga 2 Feminina, Autos Cancela Zalaeta e Conavi Xuvenil Teis. As gañadoras da xornada matinal disputarán, a partir das 17:00 horas, a gran final da Copa Galicia 2019.

Ás 12:00 horas comezará a competición masculina co encontro entre o Club Voleibol Emevé e Voleibol Dumbría, conxuntos que dominan a clasificación da Superliga 2 Masculina. O gañador deste partido enfrontarase, a partir das 19:00 horas, co Intasa San Sadurniño, finalista directo da Copa Galicia de Volei 2019 e único conxunto galego que milita na Superliga.

0.20891904830933