As Pontes acolle a estrea do espectáculo 'Alta Costura', de Elefante Elegante

TerraChaXa
Será o sábado 24 de maio, ás 20.00h, no Auditorio do Cine Alovi
Alta-Costura-elefante-elegante
18 May 2025

A compañía de teatro físico Elefante Elegante aborda o fenómeno da industria fast fashion coa súa última creación, Alta Costura. Esta nova peza dos creadores María Torres e Gonçalo Guerreiro terá a súa estrea absoluta en apenas unha semana, o sábado 24 de maio, ás 20.00h, no Auditorio do Cine Alovi das Pontes. A peza é unha obra de linguaxe xestual irónica e poética sobre a moda e a súa estreita relación co consumo.

A peza, baixo a dirección escénica de Gonçalo Guerreiro, está protagonizada por Sofía Espiñeira, Raquel Crespo, Pablo Sánchez e María Torres, a partir dun texto escrito por Tiago Alves Costa. As entradas para a estrea están xa dispoñibles neste enlace.

Alta Costura é un espectáculo irónico e poético sobre a moda e a súa estreita relación co consumo, o recoñecemento social, a contaminación, a saúde e as condicións laborais. A peza dá unha especial importancia aos mecanismos de venda e á relación contemporánea que o gran público ten co acto de mercar e de tirar roupa. Trátase dunha creación de teatro de movemento que se detén detalladamente na industria fast fashion: a lóxica do mercado, as emocións vencelladas á necesidade de adquirir máis roupa e a rapidez con que os produtos son desvalorizados e se transforman en residuos altamente contaminantes.

Segundo datos recollidos en greenpeace.org, do libro La moda justa, de Marta Riezu (Anagrama, 2021) e do traballo divulgativo de Nicolas Olea, catedrático de Radioloxía e Medicina Física da Universidade de Granada, hoxe en día, consumimos un 60% máis de roupa que hai 10 anos. A roupa que se deposita para reciclar, a que se dona e a que se devolve, remata, na maior parte das veces, en praias e desertos convertidos en vertedoiros en África e América Latina. Unha camiseta require 2.700 litros de auga para súa produción, a mesma que un humano bebe en 2 anos e medio. Existen 3.500 produtos químicos rexistrados para a produción téxtil. Destes, 750 son altamente perigosos para a saúde.

A partir desta investigación, o traballo de Elefante Elegante aséntase nunha filosofía ecoloxista e defende os principios básicos de liberdade, igualdade e solidariedade, a partir dun xogo alegre no que a risa brota do sarcasmo, do impulso e da emoción do acto creativo relativo á realidade social e política na que hoxe vivimos. A compañía busca un teatro que non se acomode á psicoloxía nin ás ideas, senón que se converta nunha diversión brillante semellante ao cinema de Charles Chaplin ou Buster Keaton.

⚙ Configurar cookies
0.16376304626465