As Pontes acolle a Eumeraid, a primeira proba da Liga Nacional de Raid de Aventura
O Concello das Pontes acollerá, esta fin de semana, a proba deportiva Eume Raid 2024, Campionato Galego e primeira proba da Liga Española de Raid de Aventura, puntuable para o ranking de Liga Nacional.
Elena López, concelleira de deportes, acompañada de Claudia Oreiro, vicepresidenta da Federación Galega de Orientación, e de Pablo López, do Gallaecia Raid, director de carreira da proba presentaban esta mañá a competición na que participarán 54 equipos de 3 membros cada un, que veñen dende todo o territorio español e mesmo dende Portugal e que tomarán a saída o vindeiro sábado 27, a partir das 11:00h dende o patio do CEIP Santa María.
Elena López resaltou a importancia de acoller “unha competición que combina diferentes disciplinas deportivas que se practican na natureza, baseada no traballo en equipo, no esforzo e na resistencia promovendo ao mesmos tempo o coidado do medioambiente e valores esenciais para a vida cotiá”
Os atletas participantes deberán completar un percorrido de 140 quilómetros, dividido en 7 seccións, onde os participantes se enfrontarán a tres disciplinas deportivas diferentes: carreira a pé, en bicicleta, e en kayak, todo baixo o marco da orientación, de tal xeito que non existe un percorrido previamente marcado.
A organización facilitamos mapas da carreira, onde estará dispostos diversos puntos de control e os equipos participantes terán que localizalos coa axuda dun compás e a súa habilidade para interpretar os mapas.
Segundo as previsións da organización, o equipo gañador debería completar o percorrido nunhas 15 horas; e a proba darase por concluída o domingo 28 ás 10:00h, 23 horas despois da saída. Ese mesmo domingo, ás 11:30h no patio do CEIP Santa María terá lugar a entrega de premios.
Pablo López quixo destacar a importancia de celebrar esta proba para poñer en valor o territorio pontés, o concello máis extenso da provincia. Ademais agradeceu a Carlos Zas, de Montes e Fragas, a cesión dos terreos para a realización do percorrido, indicando que se trata dunha proba co obxectivo de “100% eco, xa que se vai compensar a mínima pegada de carbono que poida deixar a proba no territorio, grazas ao bono obtido do Ministerio de Transición Ecolóxica, destinado a plantar árbores autóctonas.”
Ademais a proba vai poder seguirse en directo a través da plataforma Track The Race que ofrecerá a xeolocalización en tempo real de tódolos equipos participantes durante a proba.
Pola súa banda, Claudia Oreiro, vicepresidenta da Federación Galega de Orientación quixo poñer en valor o traballo de tódolos axentes implicados na organización desta proba deportiva; dende o Concello das Pontes, pasando pola Federación, os voluntarios, e os patrocinadores do evento, como Gadis, xa que ao tratarse dun deporte minoritario, resulta complicado xestionar unha proba deportiva desta envergadura.
Finalmente, Elena López amosábase encantada de recibir este evento, e aproveitaba a ocasión para convidar a toda a veciñanza a gozar do espectáculo deste Eume Raid 2024 que “da a coñecer a potencialidades non só das Pontes senón de todo a comarca do Eume para o deporte da orientación e, por extensión serve para consolidar o noso municipio como escenario de grandes eventos deportivos cunha repercusión nacional”.