As Pontes acolle a fin de semana o VF Challenge Gran Premio de Velocidade
O circuíto de velocidade das Pontes acollerá esta fin de semana unha nova edición do VF Challenge MR Gran Premio Concello das Pontes.
A proba, na que participará preto de 80 pilotos de Galicia, Asturias, Castela e León e Portugal, desenvolverase os días 7 e 8 de setembro en xornada de mañá e tarde, con quendas para adestramentos libres, oficiais e mangas cronometradas das que sairán os gañadores do trofeo local.
A convocatoria, organizada dende o equipo VF Timing, volve contar co respaldo do Concello das Pontes, mediante o departamento municipal de Deportes, e constará de cinco categorías infantís e de adultos: Minimotos, Supermoto, Pitmotard, Minivelocidade e GP Sport.
Segundo apuntou a concelleira Elena López, a cita vai ser todo un espectáculo ao reunir, unha vez máis sobre o asfalto pontés, aos nomes máis destacados destas disciplinas. A edil agradeceu a aposta, unha vez máis, polo circuíto local para acoller unha nova proba do calendario nacional e convidou a veciños e visitantes a gozar dunha fin de semana diferente e na que as instalacións pontesas se converterán, unha vez máis, en todo un referente do motociclismo nacional.
Neste senso, a edil de Deportes deu conta da necesidade de seguir a dotar de contido estas instalacións da man non só de probas coma a que terá lugar esta fin de semana, senón de actividades de carácter formativo, como foi o caso do proxecto Xogade coas Motos, e que demostran a boa calidade do circuíto local.
Pola súa banda, dende o club organizador do evento VF Timing, Sandra Fernández quixo agradecer a boa disposición e gran colaboración do Concello das Pontes, en cada unha das ocasións que optan polo circuíto municipal para as súas actividades. En relación á proba, Fernández deu conta da espectacularidade e gran calidade dos e das pilotos que se darán cita nas Pontes esta fin de semana, con nomes propios coma o pontés Fran Da Silva Montes que competirá na modalidade MiniGP 110 ou o vigués Iker García Alonso, rival de Da Silva polo título.
Horarios
A competición arrincará o sábado cos adestramentos libres dos pilotos de todas as categorías, dende as 10.00 horas.
O domingo, a actividade en pista non comezará ata as 9.30 cos adestramentos cronometrados aos que seguirán as dúas mangas oficiais puntuables (11.35 e 13.55) A entrega de premios está marcada para as 16.00.