As Pontes contará coa quinta edición do Beach Rugby Vila das Pontes os días 1 e 2 de agosto

A praia do Lago das Pontes será o escenario, os vindeiros 1 e 2 de agosto, da quinta edición do Beach Rugby Vila das Pontes, unha das citas máis destacadas do verán dentro das Series Españolas de Rugby Praia.
O evento contará con participación nas categorías M15, M17, inclusivo, sénior masculino e sénior feminino, reunindo equipos de distintos puntos do territorio nun ambiente competitivo pero tamén festivo e familiar. O torneo busca consolidarse como unha referencia estatal no calendario do rugby praia, promovendo valores como a igualdade, a inclusión e o deporte ao aire libre.
O Beach Rugby Vila das Pontes naceu como un evento deportivo organizado pola Asociación Deportiva Monte Medulio e o Club de Rugby Fendetestas en colaboración co Concello das Pontes e a Deputación da Coruña, co propósito de promover o rugby praia a nivel estatal e converter a contorna do Lago das Pontes nun referente deportivo nacional.
A idea comezou a materializarse en 2021, tras dous anos de planificación, coa construción rápida dunha pista multideportiva de area na zona sur do lago. Ese mesmo ano celebrouse a primeira edición do torneo, coñecida como Beach Rugby 5 Vila das Pontes, na que participaron máis de 200 deportistas procedentes de distintas rexións españolas.
A Asociación Deportiva Monte Medulio asumiu a organización do evento desde a primeira edición e desde entón continuou poñendo a súa experiencia loxística e deportiva ao servizo do torneo crecendo ano a ano.
A partir de 2022, a competición consolidouse como unha parada fixa das Series Españolas de Beach Rugby 5, incluíndo equipos sénior masculinos e femininos, e sumando categorías xuvenís (M15‑M17) e Mixed Ability (modalidade inclusiva).