As Pontes acolle en novembro as segundas xornadas micolóxicas
O Concello das Pontes organiza, por segundo ano consecutivo, as xornadas micolóxicas As Pontes, Terra de Cogomelos, unha iniciativa que se desenvolverá ao longo de todo o mes de novembro e que ten como obxectivo potenciar a actividade micolóxica e micofilia no municipio e a súa contorna.
Elena López, concelleira de Turismo apunta que “con esta iniciativa buscamos que todas as persoas interesadas nos fungos e cogomelos no noso municipio así como en toda a Comunidade Autónoma poidan formarse nas Pontes, a través de diferentes actividades que promoven o coñecemento dos diversos aproveitamentos ambientais, culturais e económicos que ofrecen estes excelentes recursos naturais”.
O programa de actividades, todas elas de balde, inclúe unha series de obradoiros e faladoiros nos que diferentes especialistas no mundo da micoloxía achegarán ao público asistente a temáticas diversas como o cultivo de fungos, a identificación de especies ou a normativa vixente en relación a recolección e aos coutos micolóxicos en Galicia.
Actividades que se completarán con obradoiros olfactivos e sensoriais, saídas micolóxicas, unha exposición sobre o mundo da micoloxía e o papel da muller e un concurso de receitas a base de cogomelos silvestres.
A primeira actividade será un faladoiro na Casa Dopeso, o venres 4 de novembro, de 18:30 a 20:00 horas, a cargo de Marisa Castro, máximo exponente da micoloxía en Galicia, no que fará un repaso histórico sobre a relación complexa do pobo galegos cos cogomelos, entre o amor e o medo, entre a micofilia, a micofaxia a e a micofobia.
O sábado, 12 de novembro, en horario de mañá, entre as 10:30 e as 12:30 horas, tamén na Casa Dopeso, persoal técnico da empresa MycoGalicia Plantae e do Laboratorio de micoloxía da Universidade de Vigo, desenvolverá unha charla-obradoiro sobre o cultivo de cogomelos, no que as persoas participantes aprenderán algunas detrezas básicas para iniciarse na produción de cogomelos na contorna doméstica, así como a coñecer os cogomelos domesticados máis comúns.
O domingo 13 de novembro realizarase unha saída ao couto micolóxico do Monte Forgoselo, guiada por micólogas das Universidade de Vigo. A saída desenvolverase desde ás 09:00 as 13:00 horas e contará cun obradoiro in-situ con explicación prácticas sobre especies que se atopen durante o roteiro, así como afondarase nas metodoloxías que se empregan para a identificación e recolección de cogomelos.
A seguinte semana haberá un faladoiro sobre o marco normativo vixente en Galicia, sobre os aproveitamentos existentes que regula a lei (consumo propio, comerciais, científicos ou didácticos), e sobre os coutos micolóxicos, contando na nosa bisbarra co do Monte Forgoselo propiedade veciñal. O faladoiro correrá a cargo de Odón López, técnico da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, e de Alejandro Souto, técnico do couto micolóxico do Monte Forgoselo. Será o venres, 18 de novembro,de 18:30 a 20:30 horas no salón de actos da Casa Dopeso.
As xornadas contarán, o día 25 de novembro, coa participación de persoal técnico de MycoGalicia Plantae, que desde as 18:30 ata as 20:30 horas, na Casa Dopeso, cun dos obradoiros máis chamativos e innovadores das xornadas, ideado para despertar e agudizar o sentido do olfacto relacionado específicamente cos cogomelos e a micoloxía.
Xa o sábado 26 de novembro, Miño Guerreiro da Asociación Poupariña das Pontes, guiará unha saída micolóxica nun espazo de enorme interese micolóxico e ambiental, como é a zona de restauración de Endesa na parroquia de Goente. A saída comezará ás 09:00 e rematará ás 13:30 horas.
Ao abeiro destas segundas xornadas micolóxicas As Pontes, Terra de Cogomelos hai organizada a exposición “Micoloxía en feminino”, unha recompilación sobre as mulleres que dedicaron a súa vida á implicación do coñecemento científico e, en particular, da micoloxía. Esta exposición poderá visitarse desde o 12 ao 25 de novembro na Casa Dopeso.
Así mesmo, haberá saídas micolóxicas con público escolar da localidade e un concurso de receitas elaboradas a base de cogomelos silvestres, que se desenvolverá do 1 ao 30 de novembro, e a partir do que se deseñará un recetario coas propostas finalistas do concurso gastronómico.
Para participar nestas actividades só é preciso reservar praza, inscribíndose previamente a través deste enlace.
O Concello tamén habilitou para dúbidas ou aclaracións o teléfono 604.04.73.37 e o correo terradecogomelos@gmail.com.