As Pontes acolle en outubro as XXVI Xornadas Apícolas do Eume e a XV Feira do Queixo e do Mel

TerraChaXa
As actividades están organizadas pola Casa do Mel de Goente en colaboración co Concello das Pontes
xornadas-do-mel-do-eume
3 Oct 2025

As Pontes converterase de novo no epicentro da apicultura galega coa celebración das XXVI Xornadas Apícolas do Eume, que terán lugar o 11 de outubro de 2025 na Casa do Mel de Goente, e coa XV Feira do Queixo e do Mel, prevista para o 12 de outubro na mesma localidade.

A programación abrirase o día 11 ás 11:00 horas cunha conferencia da veterinaria de Hifarmax, Filipa Pucariço, sobre a importancia dos ácidos orgánicos e das substancias naturais no control da varroa. Continuará ás 12:30 horas cunha exposición a cargo de Iago Vilela, técnico da Casa do Mel, e da veterinaria Iria Bellas, que darán conta dos resultados do Plan Apícola 2024-2025.

Tralo xantar, previsto para as 13:30 horas, será a quenda de Ramiro Javier Martínez Picos, enxeñeiro técnico agrícola do viveiro O Pomariño, que falará ás 16:30 horas do cultivo do castiñeiro como especie melífera. A xornada pecharase ás 18:00 horas coa asemblea xeral da Asociación Casa do Mel.

O domingo 12 será a quenda da Feira do Queixo e do Mel, unha cita xa consolidada en Goente que reúne cada ano a produtores e visitantes arredor destes dous produtos emblemáticos da gastronomía galega.

As actividades están organizadas pola Casa do Mel de Goente en colaboración co Concello das Pontes e coa empresa Hifarmax. Para participar no xantar do día 11 será necesario inscribirse antes do 6 de outubro na Casa do Mel.

⚙ Configurar cookies
0.08191704750061